Radiografía do mercado laboral con motivo do Día da Xuventude: o desemprego cébase coa mocidade, cunha taxa de 20%
Esta terza feira celébrase o Día Internacional da Xuventude, pero á vista dos últimos datos do mercado laboral, a mocidade galega non ten moito que celebrar. A taxa de paro entre os 16 e os 24 anos na Galiza é do 20% -cando no resto das idades está no 9,4%-; catro de cada 10 persoas cun contrato parcial na Galiza son mozas e mozos e os salarios anuais medios nesta franxa de idade son 5.203 euros menores que os do resto.
Os datos da Enquisa de Poboación Activa (EPA) colocan os mozos e mozas de entre os 16 e os 29 anos como o “grupo albo das graves eivas do mercado laboral galego”, segundo destacan responsábeis das áreas de Emprego da CIG, UXT e CCOO. Os datos de balance de 2024 colocan a taxa de paro na mocidade nun 20% fronte ao 9,4% no resto de idades. A situación agrávase na faixa de entre os 16 e os 24 anos, na que sobe até o 25,7%.
Ademais, entre a mocidade traballadora, un 24,9% ten emprego a tempo parcial, e esta parcialidade chega até o 33,5% no caso das mozas e mozos de entre 16 e 24 anos. No caso do resto das medias de idade, a temporalidade é dun 13,5%. Por sectores, a maior parte do emprego xuvenil enmárcase no sector servizos, no que traballan un 71,1% das galegas e galegos nesa franxa de idade en activo.
A precariedade e as eivas do mercado laboral na mocidade ten tamén efecto nos salarios. Segundo os datos da última Enquisa Anual de Estrutura Salarial, os empregados e as empregadas de entre 25 e 34 anos cobraron de media na Galiza 20.076,43 euros no ano 2023 -últimos datos dispoñíbeis-.
No mercado laboral galego, no conxunto de idades a media salarial neste mesmo período foi de 25.279,15 euros ao ano, co cal, os traballadores máis novos perciben 5.203,72 euros menos, unha fenda do 20,6%. No Estado español as traballadoras de entre 25 e 34 anos cobraron no mesmo período un salario anual medio de 23.376,19 euros, tamén por riba da mocidade galega.
Os salarios baixos e a falta de oportunidades no mercado inmobiliario son tamén os responsábeis da escasa taxa de emancipación da mocidade galega. O 73,6% dos mozos e mozas galegas de entre 18 a 29 anos aínda vive cos seus pais, porcentaxe que sobe até o 87,91% na franxa de 18 a 24 anos, segundo a Enquisa Estrutural de Fogares do Instituto Galego de Estatística (IGE), destaca nun informe a secretaria xeral de Igualdade de UXT Galiza, Trinidad Campos.
A emigración como saída forzosa
A evolución da poboación por idades desde 2009 na Galiza reflicte unha perda de poboación no país na franxa de idade entre os 16 e os 29 anos de máis de 80.500 persoas, un descenso do 19,5% que no caso do conxunto de idades e no mesmo período só foi do 1,45%.
Francisco González Sío, secretario confederal de Negociación Colectiva da CIG, explica este dato en base á análise que o sindicato nacionalista fai cada ano do mercado laboral galego por idades. “Hai unha sobrecualificación das mozas e mozos a respecto do que ofrece o mercado laboral galego”, sinala, o que provoca “unha forte emigración de persoas novas desde a crise de 2009”. O que acontece é que “o mercado laboral galego ofrece condicións peores” que outros lugares do Estado español e da Unión Europea. Este fenómeno, segundo Sío, está a afectar en maior medida “a rapazas e rapaces con estudos de enxeñerías ou nas ramas do sector industrial e tamén no sector sanitario”.