Radiografía do mercado laboral: unha de cada tres persoas asalariadas perciben na Galiza remuneracións inferiores ao SMI

Dúas traballadoras nunha cadea de montaxe. (Foto: Roberto Plaza / Europa Press)
Os últimos datos do IGE e da Axencia Tributraria reflicten un incremento do salario medio na Galiza que, porén, non chega por igual a todos os sectores produtivos nin a todas as persoas por igual. Os sectores tradicionalmente máis precarizados seguen a ser os peor retribuídos e a fenda de xénero é unha realidade. As retribucións máis baixas son as que perciben as traballadoras do sector dos coidados e do lecer, onde se incrementa a precarización.

Até 34,1% das persoas asalariadas na Galiza percibiron retribucións inferiores ao salario mínimo interprofesional (SMI), de acordo cos datos da Axencia Estatal da Administración Tributaria (AEAT) relativos ao “Mercado de traballo e pensións nas fontes tributarias” de 2024, con datos ao feche do pasado ano. Aliás, o número de traballadores e traballadoras con ingresos inferiores a 1,5 veces o SMI (60,9%) superou amplamente o rexistrado no ano 2009 (45,5%). Daquela 26,6% do total cobraban menos que o estipulado co SMI, sete puntos e medio menos que na actualidade.

En 2024, segundo os rexistros da AEAT, 185.282 persoas tiveron retribucións inferiores á metade do SMI, e máis de 190.000 percibiron entre 0,5 do SMI e esta contía íntegra. En conxunto, máis de 375.000 persoas, o 34,1% dos e das asalariadas galegas, percibiron ingresos inferiores ao legalmente estabelecido a través do SMI. Cos datos da AEAT por sectores, son a categoría de “servizos persoais –os coidados– e de lecer” os que rexistraron en 2024 mesmo un descenso salarial de 9,3%, con soldos medios na Galiza de 10.686 euros brutos anuais, o que supón pouco máis de 890 euros ao mes. En 2024, os ingresos destas persoas só equivaleron a 44% da media salarial do país. Desde os sindicatos destacan que esta rama está "altamente feminizada”.

Retribución media por sector de actividade na Galiza no ano 2024. (Datos: IGE / Gráfico: Nós Diario)

A poboación asalariada e o impacto da fenda de xénero

O Instituto Galego de Estatística (IGE) publicou esta sexta feira os datos da súa Enquisa de Poboación Activa por decil, con datos ao feche de 2024, que mostra que na Galiza hai un total de 939.600 persoas asalariadas, das cales 804.400 traballan a xornada completa e 135.200, con contratos parciais, das que 474.800 son homes e 464.800, mulleres. Por sectores económicos, o dos servizos ocupa 691.400 galegos e galegas; o da industria, 162.600; o da construción, 56.200, e o primario, 29.400.

Segundo os datos do IGE, o soldo medio dos asalariados galegos e galegas o ano pasado foi de 2.229,7 euros brutos ao mes, 4,9% máis que ao feche de 2023 –eran 2.136 euros– pero case 156 euros menos que a media do Estado español –segundo os datos do INE ao feche de 2024, o salario medio estatal foi de 2.385,6 euros–. A maiores desta 'fenda galega' nas retribucións, os datos do IGE poñen cifras tamén á existente fenda de xénero no mercado laboral galego.

Persoas asalariadas na Galiza no ano 2024. (Datos: IGE / Gráfico: Nós Diario)

O salario medio dun home a xornada completa no ano 2024 foi de 2.517,2 euros, mentres que, coa mesma xornada e condicións, o soldo medio dunha muller apenas alcanzou os 2.339,4 euros brutos, unha diferenza de case 178 euros entre homes e mulleres por un traballo a tempo completo. Nos salarios de empregos a tempo parcial tamén os homes cobraron máis que as mulleres na Galiza, xa que o salario medio bruto mensual por estes traballos foi de 1.095 euros no caso deles, mentres que para elas a media salarial bruta percibida por estes empregos parciais foi de 963,6 euros, uns 131 euros menos que os homes.

Os sindicatos advirten de "precariedade e pobreza"

A radiografía actual do mercado laboral galego non é especialmente positiva a ollos dos sindicatos. O secretario de Negociación Colectiva da CIG, Francisco González Sío, afirma que “as diferenzas salariais entre as comunidades máis ricas –Madrid, Euskadi, Catalunya e Nafarroa– co resto do Estado español non para de crecer”.

Os homes perciben até 177,8 euros máis que as mulleres por un mesmo emprego

Tamén destaca o incremento da fenda salarial de xénero e, aliás, que “máis dun terzo da clase traballadora galega ten ingresos inferiores ao SMI”, o que para el pode interpretarse como "precariedade e a pobreza laboral”. González Sío asegura que "precisamos recuperar os dereitos perdidos en materia de negociación colectiva, salarial, de contratación e no despedimento", dado que "a precariedade e a pobreza laboral non paran de crecer”.

Francisco González Sío, secretario de Negociación da CIG: "Precisamos recuperar os dereitos perdidos, a precariedade e a pobreza laboral non paran de crecer"

Amelia Pérez, secretaria xeral de CCOO na Galiza, apunta que o noso país “segue a estar á cola do Estado en materia salarial” e incide especialmente en que “a maioría dos asalariados galegos están nos primeiros tramos [de retribución], os máis baixos”. Diante diso, Pérez asegura que “é preciso abordar a modificación dos tempos parciais" e subliña que "ten que producirse un incremento salarial", pois en caso contrario "é imposíbel ningún proxecto de vida”.

Amelia Pérez, secretaria xeral de CCOO na Galiza: "Ten que producirse un incremento salarial; se non, é imposíbel levar a cabo ningún proxecto de vida"

Tamén o secretario xeral de UXT na Galiza, Cristóbal Medeiros, destaca o elevado número de asalariados e asalariadas “nos dous primeiros deciles, con menos de 1.300 euros mensuais, por baixo do SMI en 2024”. Medeiros reclama que a próxima suba do salario mínimo sexa de 7,5%, "seguindo a senda da Carta Social Europea revisada”. Desde UXT critican tamén que “30% das asalariadas galegas están nos dous deciles máis baixos, fronte a 10,5% dos homes”, un problema que Medeiros atribúe "á parcialidade, a temporalidade e as segregacións horizontais e verticais” para as traballadoras galegas.

Cristóbal Medeiros, secretario xeral de UXT na Galiza: "30% das asalariadas galegas atópanse nos dous deciles máis baixos, fronte a apenas 10,5% no caso dos homes"

Galiza ten a terceira maior sinistralidade do Estado

Os últimos datos de sinistralidade laboral até o terceiro trimestre de 2025 colocan Galiza como a terceira comunidade do Estado español con maior índice de mortalidade laboral. A taxa de persoas falecidas en accidente laboral por cada 100.000 traballadores e traballadoras no terceiro trimestre do ano situouse na Galiza en 0,397, a terceira máis alta do Estado, só por baixo do 0,438 de Asturias e do 0,406 da Rioxa. En total, segundo datos do Ministerio de Traballo, Galiza rexistrou até setembro 46 mortes en sinistros laborais, unha menos que no mesmo período de 2024 pero situándose igualmente Galiza nos lugares máis elevados do Estado español en sinistralidade laboral no que vai de ano.

O salario medio bruto situouse en 2024 en 2.229,7 euros mensuais

Por sectores, aumentaron até setembro os accidentes mortais (+20%) na industria e no sector servizos (+6%), mentres que descenderon na agricultura, a pesca e o sector da construción. En canto ás causas detrás destes accidentes mortais laborais, destacan os infartos e outras patoloxías non traumáticas como principal motivo, representando 42% do total. Noutro 18,4% a causa foron choques ou golpes contra obxectos en movemento e amputacións. Desde CCOO cualifican estes datos relativos á Galiza como “inasumíbeis”.