Pontevedra é o maior centro xerador de emprego do suroeste da Galiza, segundo un estudo
A cidade do Lérez ten unha “autosuficiencia no emprego do 148%”.
Pontevedra é o maior centro xerador de emprego entre as cidades do suroeste da Galiza e da súa zona de influencia. Así o destacou esta segunda feira o alcalde da Boa Vila, Miguel Anxo Fernández Lores, na presentación do informe Situación laboral no concello de Pontevedra: Análise e evolución das afiliacións.
Trátase dun estudo feito por Daniel Gallego e Pedro Figueroa, por parte da Asociación Pont-Up Store, que en 2022 xa realizaron un estudo de similares características e en 2024 repiten para poder ter datos cos que analizar a evolución.
O informe tamén compara a situación en Pontevedra coa doutros cinco municipios: Vigo, Vilagarcía de Arousa (O Salnés), Marín (O Morrazo), Poio (comarca de Pontevedra) e Sanxenxo (O Salnés).
Desta maneira obtense unha "foto fixa da realidade socioeconómica do municipio de Pontevedra", que resulta útil para entender e avaliar a evolución das cifras que manexa a capital da provincia.
O rexedor lembrou que no primeiro informe recollíase que Pontevedra xeraba 61 postos de traballo por cada cen habitantes; "agora xeramos case 65 postos por cada cen habitantes", apuntou Lores. "Só Vigo se aproxima a este dato con 50 postos de traballo por cada cen habitantes", engade o alcalde.
Segundo se recolle no informe, Vigo crea 50,6; Marín, 27; Poio, 46,7; Sanxenxo, 31,7; e Vilagarcía, 29,1.
"A nosa cidade mostra unha autosuficiencia no emprego do 148,31%", subliñou Lores, é dicir, "entra moita máis xente a traballar da que sae", explicou. "Somos capaces de xerar postos de traballo para todas as persoas que viven en Pontevedra e tamén para as de fóra", insistiu o alcalde.
Outro dato destacado é que, na actualidade, preto de 26.000 persoas entran en Pontevedra para traballar en empresas da Boa Vila.
Segundo recalcou o alcalde, todo isto deriva nunha estrutura socio-laboral "estábel, consolidada" e que, ademais, mostra unha capacidade de crecemento nos próximos anos.