Política Social négase a mediar no conflito do sector dos coidados

A conselleira de Política Social, Fabiola García, esta segunda feira 3 de novembro. (Foto: Xunta da Galiza)
As residencias clausuradas, sen data para reabrir.

A conselleira de Política Social e Igualdade, Fabiola García, asegurou esta segunda feira que o seu departamento "respecta o dereito á folga" no sector de coidados, que hoxe terá unha nova xornada de paro convocada pola CIG, pero descartou que o seu departamento vaia exercer de mediador neste conflito laboral.

"Neste caso é unha relación laboral de carácter privado entre as patronais e os propios traballadores e, por tanto, a Consellaría non pode mediar", dixo a conselleira de Política Social e Igualdade a respecto desta cuestión.

Preguntada polos medios a respecto de se habería algún movemento para iniciar esta mediación, a titular de Política Social engadiu que, en caso de haber algún tipo de interlocución, sería desde o ámbito da Consellaría de Emprego.

Residencias clausuradas

Tamén esta segunda feira, a conselleira afirmou que aínda non hai data para a reapertura das dúas vivendas comunitarias de maiores en Xinzo (A Limia) e Amoeiro (comarca de Ourense) fechadas por orde da Xunta tras detectarse "graves deficiencias" durante senllas inspeccións.

García lembrou que os centros foron fechados por decisión do corpo inspector de Servizos Sociais e que os usuarios foron "reacollidos" noutros centros residenciais onde "están perfectamente atendidos", defendeu.