A Policía municipal e o servizo de bombeiros de Compostela volverán facer horas extras tras o acordo proposto polo Concello

O Pazo de Raxoi, na praza do Obradoiro, é a sede do Goberno municipal de Compostela. (Foto: Nós Diario)
A decisión do persoal, que chega tras a última oferta que lles trasladou a alcaldesa, Goretti Sanmartín (BNG), é "pola cidade", salientaron os traballadores e as traballadoras.

A Policía municipal de Santiago de Compostela decidiu nunha asemblea rematar co conflito laboral que mantivo o persoal do servizo durante dous meses co Concello, polo que volverán facer horas extras de forma voluntaria.

Pola súa parte, o servizo de bombeiros, que tampouco as estaban facendo, decidira anteriormente que secundaría a decisión da Policía municipal, polo que un dos conflitos que vén marcando a actualidade local das últimas semanas na capital galega chegou ao seu final.

A decisión do persoal, que chega tras a última oferta que lles trasladou a alcaldesa, Goretti Sanmartín (BNG), é "pola cidade", salientaron os traballadores e as traballadoras, destacando que volverán realizar unhas horas extras que son necesarias para que ambos os servizos se poidan prestar con garantías.

O pacto implicará que os e as axentes cobrarán un 25% máis pola hora extraordinaria, que até o de agora se lles pagaba a un prezo inferior da ordinaria. Tamén se realizará unha nova Relación de Postos de Traballo (RPT) para determinar exactamente que complementos (nocturnidade, festividade) deben cobrar os traballadores e traballadoras.

"Fixemos unha proposta xenerosa e razoábel, houbo un debate, que é sempre un debate positivo e recolléronse cuestións que se dixeron e nos próximos días haberá noticias respecto diso", manifestaron desde o Goberno municipal de Santiago de Compostela.