Persoal dos coidados féchase en varios concellos contra a precariedade nun sector "esencial"

Persoal do SAF e de residencias privadas, este 3 de decembro na lonxa do Concello de Vigo. (Foto: Nós Diario)

Traballadoras do sector dos coidados endurecen a súa mobilización con feches simultáneos en varios concellos galegos e protestas diante de empresas. Reclaman condicións laborais dignas e o desbloqueo duns convenios colectivos que levan anos paralizados, nun sector esencial maioritariamente feminizado e marcado pola precariedade.

Persoal de servizos de axuda no fogar (SAF), así como de residencias privadas de maiores e centros de día, iniciou esta cuarta feira novos feches e mobilizacións en distintos puntos do país para reclamar condicións laborais dignas e desbloquear a negociación dos convenios colectivos, paralizados desde hai anos. As accións, impulsadas pola CIG, desenvolvéronse nos concellos de Vigo, Santiago e Lugo, onde grupos de empregadas e delegadas entraron nos edificios municipais arredor das 11.30 horas. Ao tempo, desenvolvíanse concentracións diante de empresas do sector en Ferrol e Oleiros. En Pontevedra está prevista unha mobilización este mesmo día pola tarde.

As traballadoras denuncian que, malia tratarse dun sector esencial, a precariedade continúa a ser a norma, con salarios baixos e cargas de traballo cada vez máis elevadas. O SAF permanece sen convenio desde 2012 e as residencias privadas desde 2023, unha situación que a central sindical nacionalista atribúe á negativa das patronais a sentar negociar e á "complicidade" da conselleira de Política Social, Fabiola García. "A Xunta é a máxima responsábel dos servizos de atención ás persoas dependentes", critican.

A CIG lembra que esta falta de avances se verá agravada polos Orzamentos da Xunta da Galiza para 2026, que non contemplan, din, un incremento suficiente para garantir melloras reais no sector. Ademais, alertan de que se trata de partidas "non fechadas", o que permite que o Goberno galego mova fondos segundo lle conveña, como xa ocorreu coa dotación dos SAF, da que, denuncian, se retiraron 17 millóns de euros.

As empregadas iniciaron nos últimos meses diversas xornadas de folga e numerosas mobilizacións, mais aseguran que continuarán coas protestas até que se atendan as súas reivindicacións. "Continuaremos esixindo que se nos escoite, que se melloren as nosas condicións laborais e que se poña fin á mercantilización dos coidados", subliñan.

A CIG propón como saída estrutural a creación dun Sistema Público Galego de Servizos de Atención ás Persoas, que integre residencias, centros de día, dispositivos de atención á diversidade, o propio SAF e outros programas como Casas Niño, Casas do/a Maior, Xantar na Casa ou o transporte adaptado. Ese sistema, defenden, debe contar con recursos materiais e humanos suficientes e garantir un convenio único que recoñeza e dignifique o traballo dun sector maioritariamente feminizado.