O paro baixa na Galiza un 8,24% até as 118.838 persoas en 2024, a terceira maior caída do Estado
O paro rexistrado nas oficinas dos servizos públicos de emprego baixou en 2024 até as 118.838 persoas ao reducirse en 10.666, un 8,24% menos en comparativa interanual, a terceira maior caída do Estado só por detrás da rexistrada en Estremadura (-8,91%) e Andalucía (-8,65%).
Así o recollen os datos publicados esta sexta feira polo Ministerio de Traballo, que reflicten un descenso de 2.904 persoas en decembro na Galiza, que tamén marca a terceira maior diminución entre as comunidades autónomas cun 2,39% menos de paro respecto de novembro.
Datos de decembro
Se se observa o dato de decembro, as oficinas de emprego galegas reduciron en 2.904 o número de persoas en paro, o que implica un 2,39% menos que en novembro.
Por sectores, a caída do paro no último mes de 2024 en Galicia concentrouse no sector servizos, con 2.299 desempregados menos, seguido do colectivo do que non consta un traballo anterior, que descendeu en 573. Tamén descendeu o paro na industria (-134) e a agricultura (-54), aínda que na construción incrementouse (+156).
Así, dos 118.838 parados galegos rexistrados a peche de 2024, 84.772 corresponden aos servizos, 11.532 á industria, 10.939 ao colectivo sen emprego previo, 7.827 á construción e 3.769 á agricultura. Ademais, 57,46% das persoas paradas rexistrados na Galiza é muller (68.160 fronte a 50.678 homes), mentres que 4,1% ten menos de 25 anos.
Contratos e prestacións
Polo que se refire á contratación, en 2024 realizáronse 723.577 contratos na Galiza, dos cales un 68,5% foron temporais, con 228.016 unidades, fronte a un 31,51% de indefinidos, con 228.016. Só en decembro asináronse 52.163.
Así, o total de beneficiarios de prestacións por desemprego na Galiza era, en novembro (último dato), de 80.401 persoas, unhas 5.000 menos que hai un ano. De todas elas, 39.777 cobraban unha prestación contributiva e outras 36.822 o subsidio. Tamén 3.802 cidadáns percibían a renda activa de inserción.
A nivel estatal, 2024 finalizou cun descenso de 146.738 persoas (-5,4%), até un total de 2.560.718 persoas desempregadas, a menor cifra nun feche de ano desde o exercicio 2007, informou o Ministerio de Traballo e Economía Social.
Co descenso rexistrado en 2024, o paro encadea catro anos consecutivos de retrocesos após o contabilizado en 2021, cando experimentou unha caída de marca de 782.232 desempregados polo fin das restricións asociadas á pandemia; o rexistrado en 2022 (-268.252 parados) e o experimentado en 2023 (-130.197 desempregados).
Perda de afiliacións en decembro
Por outra parte, a Galiza fechou 2024 cun total de 1.079.573 persoas afiliadas á Seguridade Social, o que supón que nun ano gañou 17.290 cotizantes (+1,63%), segundo os datos publicados esta sextapolo Ministerio de Inclusión, Seguridade Social e Migracións.
Todo iso a pesar de que en decembro a Seguridade Social perdeu 1.549 ocupados na comunidade galega (-0,14%). Esta variación contrasta co dato do total de España, onde no último mes do ano gañouse 35.500 afiliados (+0,17%). En todo o ano, a nivel estatal os cotizantes creceron no medio millón (+2,4%), até fechar o ano en 21.337.962, a cifra máis alta da historia.
Por réximes, a repartición é a seguinte: 857.538 do réxime xeral (o único que crece); 204.088 autónomos e 17.946 do mar.