Outubro deixa 301 persoas máis no paro e 1.019 afiliacións menos na Galiza

Un operario traballando nunha obra. (Foto: Ricardo Rubio / Europa Press)
Sindicatos critican a “estacionalidade” do emprego.

O paro rexistrado nas oficinas dos servizos públicos de emprego da Galiza subiu en 301 persoas en outubro en relación co mes anterior (0,27% máis), até alcanzar os 113.386 desempregados no país, segundo os datos publicados esta terza feira polo Ministerio de Traballo.

No Estado español o paro creceu de media en outubro 0,91%, con 22.101 desempregados máis. Por sectores, do total de parados galegos, 3.371 pertencen ao sector da agricultura (+172), 10.519 á industria (-173), 6.778 á construción (-90) e 82.135 ao sector servizos (+471).

Aliás, a Seguridade Social perdeu 1.019 afiliados e afiliadas en outubro na Galiza (0,09% menos que en setembro), até situarse en 1,1 millóns de cotizantes, segundo os últimos datos do Ministerio de Inclusión, Seguridade Social e Migracións. A cifra galega contrasta coa media do Estado, onde o mes pasado se gañaron 141.926 afiliados, un 0,65% máis.

No último ano a Seguridade Social aumentou o seu número de afiliados na Galiza en 19.608 traballadores, un 1,81% máis que en outubro de 2024, mentres que a suba media do Estado español foi de 2,38%, con 507.078 cotizantes máis.

A Galiza ten 880.185 cotizantes do réxime xeral, –dos que 6.164 son do agrario e 21.634 do fogar–, outros 204.654 autónomos –que a Unión Profesional de Traballadores Autónomos (UPTA) cifra en 345 máis respecto do mes anterior– e 18.144 traballan no mar.

A "estacionalidade"

O secretario confederal de Negociación Colectiva, Emprego e Industria da CIG, Francisco González Sío, avaliou os datos de outubro destacando a caída da afiliación “na hostalaría, o comercio e os empregos temporais”, nos que ao termo do período estival “vai ao paro unha parte importante da clase traballadora” galega.

Criticou que este efecto estacional acontece “no outono na hostalaría e no verán no ensino”. Tamén sinalou“1.000 cotizantes menos en sanidade e servizos sociais”, un sector en folga na Galiza “polas políticas da Xunta de recortes e precariedade”.

A secretaria de Organización de CCOO, Maica Bouza, cualificou de “moito peor” a evolución dos datos na Galiza respecto da media do Estado español e criticou que “7 de cada 10 novos parados son do sector servizos”.

E desde UXT, o secretario de Organización, Aser Sanz, destacou as “eivas do mercado laboral galego”, no que “58,9% das desempregadas son mulleres”.