Once mariñeiros rescatados tras a emerxencia dun pesqueiro galego en augas de Irlanda
O arrastreiro Radoche Terceiro, con base en Celeiro e bandeira francesa, sufriu unha vía de auga ao sur de Irlanda e foi auxiliado polo tamén galego Ponteareas Un, que rescatou os once tripulantes.
Un operativo de rescate en augas do Gran Sol saldouse esta mañá coa evacuación dos 11 mariñeiros do pesqueiro galego Radoche Terceiro, que sufriu unha vía de auga cando navegaba ao sur de Irlanda, a unhas 55 millas da localidade pesqueira de Castletownbere, porto habitual dos barcos galegos que operan nesta zona do Atlántico.
Segundo confirmou Salvamento Marítimo, o Radoche Terceiro —un arrastreiro de 34,2 metros de eslora, construído na Coruña en 2001 e con base en Celeiro, pero con bandeira francesa— deu a voz de alarma ao detectar a entrada de auga no casco, sen poder contela coas bombas de achique.
O aviso foi recibido por varios barcos que faenaban no caladoiro, e o máis próximo, o Ponteareas Un, acudiu de inmediato en auxilio da tripulación. O buque, tamén de orixe galega e hoxe con armador da comarca do Barbanza, recolleu os once tripulantes en bo estado e puxo rumbo ao porto irlandés de Castletownbere, onde está previsto o desembarco entre as 16 e as 17 horas (hora galega).
A casualidade quixo que o Ponteareas Un fose noticia hai poucos días, segundo sinala Faro de Vigo, ao ser interceptado polas autoridades irlandesas por incumprir a normativa sobre descartes pesqueiros. Tras pagar unha fianza de 130.000 euros, o barco regresou ao caladoiro, esta vez para protagonizar un rescate que evitou consecuencias máis graves.
O operativo foi vixiado e coordinado polo Reino Unido, ao tratarse dunha zona SAR (Search and Rescue) baixo a súa responsabilidade, coa colaboración do Centro Nacional de Coordinación de Salvamento (CNCS). As autoridades marítimas investigan agora a causa da vía de auga e o estado no que quedou o Radoche Terceiro, que permanece á deriva na zona.