"Paro total" na primeira xornada da folga de transporte desta semana
CIG, UXT e CCOO denuncian o inmobilismo da patronal e advirten dunha folga indefinida a partir do 2 de febreiro se non hai avances na negociación do convenio colectivo.
Traballadoras e traballadores do transporte de viaxeiros na provincia da Coruña secundan esta segunda feira unha nova xornada de folga para reclamar avances na negociación do convenio colectivo, cun "paro total" do sector, segundo informaron as organizacións sindicais convocantes.
A protesta está impulsada por CIG, UXT e CCOO, e continúa un novo ciclo de mobilizacións ao longo do mes de xaneiro, despois das xornadas de paro xa realizadas en decembro. En concreto, os sindicatos aprobaron en asemblea novas convocatorias de folga para os días 12, 13, 16, 19, 20 e 23 de xaneiro.
As centrais sindicais denuncian o "inmobilismo" da patronal na negociación dun convenio que cualifican de "desfasado" e "paralizado" desde hai catro anos. Entre as principais reivindicacións figuran melloras salariais, avances na xornada laboral e medidas de conciliación. De non producirse un achegamento das posturas, advirten de que o sector está chamado a unha folga indefinida a partir do 2 de febreiro.
Nesta xornada, a Xunta da Galiza decretou unha ampliación dos servizos mínimos para garantir os servizos esenciais, aínda que nas primeiras horas do día rexistrouse unha actividade moi reducida, con practicamente ningún movemento de vehículos en cidades como A Coruña. Segundo indicou a CIG, o seguimento da folga é similar ao das anteriores xornadas e está a desenvolverse sen incidentes nun sector que agrupa arredor de 3.500 persoas traballadoras.