Mobilizacións nas sete cidades galegas por un SAF con orzamentos e persoal suficiente

Portesta en Vigo. (Foto: Nós Diario)
Convocada polo Colectivo de persoas xubiladas e pensionistas da CIG, reclaman unha atención digna á dependencia.

O Colectivo de persoas xubiladas e pensionistas da CIG mobilizouse esta quinta feira nas sete cidades galegas para reclamar un Servizo de Axuda no Fogar adecuado, dotado con orzamentos e persoal suficiente e que responda ás necesidades de apoio que teñen as persoas dependentes e as súas familias.

Con este obxectivo, a central sindical segue a demandar a creación dun Sistema Público Galego de Servizos de Atención ás Persoas que xestione todos os recursos públicos, incluído o SAF, "para que as persoas dependentes poidan ter cubertas as súas necesidades en condicións dignas e de xustiza social".

O Colectivo de Persoas Xubiladas e Pensionistas da CIG vén denunciando desde hai tempo as graves carencias existentes en dependencia e atención a persoas maiores. Carencias entre as que salientan un tempo de espera de máis de un ano desde a solicitude de dependencia até que se ten a resolución da prestación ou que, ademais, a agarda pode ser inda maior desde a resolución até que se ten a prestación, nalgún caso mesmo anos.

Neste sentido, afirman que actualmente segue habendo máis de 2.500 persoas agardando por unha prestación, a maioría delas máis de 6 meses e que se contan por miles nos últimos anos as persoas que tendo aprobada unha prestación para a atención á dependencia, morren antes de que esta prestación chegue.

Subliñan que na Galiza existen un total de 286 centros residenciais, que teñen un total de 21.952 prazas; que só hai 71 residencias públicas con 5.016 prazas e que, porén, hai 215 residencias privadas con 16.936 prazas. Datos que confirman que o peso das prazas públicas é mínimo.

Ademais, o total de prazas de residencias non acada máis que o 3,5% de persoas maiores de 65 anos da Galiza. Algo que queda moi lonxe do 5% que a OMS recomenda como mínimo. E isto nun país que ten máis dun cuarto da poboación maior de 65 anos.