Médicas das Urxencias urxen a mellorar as condicións laborais

Mobilización de persoal médico de Urxencias no Hospital Clínico de Compostela, esta segunda feira. (Foto: Nicolás Santriano)
Persoal sanitario das Urxencias dos centros hospitalarios galegos mobilizouse esta segunda feira para denunciar a situación de "colapso" que está a padecer o servizo nas últimas semanas ante a "falta de medidas" por parte da Consellaría, á que tamén exixen unha mellora das súas condicións laborais. 
 

Médicas e médicos de todo o país mobilizáronse ás portas dos servizos de Urxencias dos hospitais galegos para reclamar a mellora das súas condicións laborais e denunciar a "falta de vontade" negociadora por parte da Consellaría de Sanidade. Durante a mobilización no Complexo Hospitalario Universitario de Santiago (CHUS), os facultativos e as facultativas alertaron das "múltiples causas" do "colapso" que está a atravesar o servizo, exixindo ao Sergas unha pronta "revisión" das súas condicións laborais. Aliás, o persoal lembrou a importancia de que este servizo funcione de forma axeitada. "Somos os que sempre estamos", subliñou unha das profesionais que participou na protesta.

Manuel González Moreira, membro da Executiva da CIG-Saúde, incidiu en que os problemas na sanidade non se limitan á Atención Primaria. González rexeitou as declaracións do conselleiro de Sanidade, Antonio Gómez Caamaño, quen sostivo que a situación nas Urxencias está xa "controlada". "O conselleiro asume como normal que teñamos os corredores cheos de xente. Asume como normal que teñamos pacientes 24, 48 e 72 horas en Urxencias agardando por unha cama", criticou o sindicalista.

Desde a CIG-Saúde alertaron de que levan desde xaneiro de 2024 exixindo á Consellaría a negociación e mellora do acordo que regula as condicións de traballo do persoal médico de Urxencias. Nese mesmo mes as organizacións sindicais presentes na Mesa Sectorial, entre elas a CIG, asinaron un acordo para a revisión das condicións deste persoal en materia de xornada, descansos e retribucións; porén, dito acordo "nunca chegou a materializarse", afean.

Nesta liña, a CIG-Saúde denunciou a "actitude" da Dirección de Recursos Humanos do Sergas, que "de maneira reiterada adía e ignora a problemática das traballadoras e traballadores, actuando con desidia e desinterese". Unha situación que está a provocar un crecente malestar entre as e os profesionais de todos os ámbitos do sistema sanitario público. González reiterou que o que se pide é "que os traballadores estean adecuados a estas novas demandas", exixindo que se poña fin á situación de "sobrecarga" e de "precariedade" que, advirte, padecen os profesionais sanitarios da Galiza.

Sobrecarga nas Urxencias nos PAC de Vigo no Nadal

Os nove puntos de atención continuada (PAC) da área sanitaria de Vigo atenderon, entre o 23 de decembro e o 6 de xaneiro, un total de 14.579 urxencias, segundo informou esta segunda feira o Sergas, cun nivel de resolución media de 90%. A época natalicia é unha das de maior presión asistencial, e en 2025-26 intensificouse aínda máis pola coincidencia co momento de maior expansión da gripe.

Durante todo 2025 foron 285.629 as consultas en todos os PAC da área. O que tivo este ano unha maior actividade nestas datas foi o de Vigo, con 4.064 urxencias atendidas, seguido polos PAC do Porriño (comarca de Vigo), Ponteareas (O Condado), Cangas-Moaña (O Morrazo) e Tui (Baixo Miño).