Luz verde no Congreso á ampliación dos permisos parentais: estas son as novidades
Estes permisos teñen, ademais, a mesma validez para casos de adopción, acollemento familiar ou garda, e súmanse ao permiso de lactación.
O Pleno do Congreso validou esta terza feira co apoio de todos os grupos, salvo Vox, que se abstivo, a Real Decreto Lei aprobado o pasado mes de xullo en Consello de Ministros, para ampliar os permisos de nacemento a 17 semanas e engadir 2 semanas de permisos retribuídos para coidados. Ademais, acordouse por unanimidade tramitalo como proxecto de lei.
A Real Decreto Lei, que chegou esta terza feira á Cámara Baixa despois de que o Goberno o aprobase o pasado 29 de xullo en Consello de Ministros, estabelece a ampliación en "tres semanas", até un total de 19 —á parte das tres de lactación, que sumarían 22—, dos permisos retribuídos por paternidade e coidados.
En concreto, son 17 semanas de permiso por nacemento, que os proxenitores poderán gozar durante os 12 primeiros meses do bebé, e outras dúas semanas adicionais retribuídas para coidado do menor, a partir do primeiro ano de vida e até que o neno faga 8 anos.
Estes permisos teñen, ademais, a mesma validez para casos de adopción, acollemento familiar ou garda, e súmanse ao permiso de lactación, que segue sendo de 3 semanas.
No caso das familias monoparentais, na súa maioría encabezadas por mulleres, amplíase a 32 semanas o permiso por nacemento e coidados —28 semanas de permiso por nacemento durante o primeiro ano de vida do bebé e 4 semanas de permiso retribuído por coidados a partir do primeiro ano e nos seus primeiros 8 anos de vida—. Ás dúas semanas adicionais por coidado —4 no caso das monoparentais— poderán acollerse tamén de forma retroactiva aquelas familias que tiveron un bebé despois do 2 de agosto de 2024.
Desde o Goberno aseguran que con esta medida dan cumprimento á directiva europea e resolven un expediente sancionador que pesaba sobre o Estado español e que estaba a supor pagar a Europa unha multa de máis de 9.000 euros diarios desde o mes de agosto de 2024.
Beneficiará a case un millón de pais e nais este ano
Durante o debate deste martes no Congreso, a vicepresidenta segunda do Goberno e ministra de Traballo e Economía Social, Yolanda Díaz, afirmou que con esta ampliación o Estado español colócase "á vangarda de Europa" e asegurou que este avance beneficiará este ano "a case un millón de persoas".
Mentres, as deputadas do Partido Popular e de Podemos coincidiron en acusar o Goberno de facer "trilerismo" con esta medida porque consideran que "mesturan" semanas e "manipulan" os datos.
En concreto, a deputada do PP Carmen Fúnez tachou de "parche" o Real Decreto Lei e acusou ao Goberno de "trilerismo parlamentario" ao mesturar " permisos, semanas e meses" para evita a sanción de Europa. "Era necesario que España tivese que vivir o bochorno de verse sancionada e condenada polo Tribunal Europeo de Xustiza por chegar tarde ás políticas de conciliación e corresponsabilidade?", afeou.
Así mesmo, a deputada de Podemos Noemí Santana reprochou ao Goberno que queiran aceptar "polbo como animal de compañía" porque "prometeron oito semanas remuneradas e ao final son tres". "O Goberno utilizou unha estratexia trilera, manipulando datos, utilizando a acumulación por lactación para facer ver que este real decreto supoñía un avance", denunciou.
Pola súa banda, a deputada de Sumar Júlia Boada destacou que a ampliación dos permisos sitúa o Estado español "como un dos mellores países da Unión Europea para ter fillos".
En todo caso, e ante as críticas da maioría dos grupos por remunerar só dúas das oito semanas do permiso por coidado dos fillos até que fagan 8 anos, a deputada do PSOE Elisa Garrido recoñeceu que "todo é mellorábel" pero engadiu que para "subir á cima do Everest, non podes chegar dun brinco arriba, tes que ir subindo a montaña".
Mentres, a deputada de Vox María de la Cabeza Ruiz criticou que "a corresponsabilidade de xénero imposta por decreto non soluciona o verdadeiro problema das mulleres que queren ser nais" e defendeu que as mulleres non necesitan que os pais as "substitúan" na súa "tarefa de ser nais" senón que a súa "dedicación voluntaria ao coidado" dos fillos "non sexa penalizada, senón premiada", ben "con medidas fiscais de gran calado, con apoio para a volta ao traballo" e apoiando ás empresas.
No lado contrario, o deputado de Esquerra Republicana, Jordi Salvador i Duch, avanzou o seu apoio á validación do Real Decreto Lei aínda que pediu que se tramite en forma de proxecto de lei para introducir algunhas melloras como que o permiso de 8 semanas chegue ás todas as familias con fillos até 16 anos e para incluír outros tres permisos: 10 días por duelo perinatal, un permiso para acompañar aos fillos ao médico e 10 días pola morte dun fillo.
Pola súa banda, o deputado de Junts, Josep Maria Cervera, indicou que desde o seu grupo poden avalar a reforma porque "representa unha ampliación de dereitos sociais moi relevante", fomenta "a corresponsabilidade" e "aumenta a seguridade xurídica da familia" pero pediu combater a "fraude" e compensar as "consecuencias" que terá para o mercado laboral como a redución en "o tempo de traballo efectivo dispoñíbel" ou "o aumento de custos laborais orixinados pola substitución".
A deputada de EH Bildu Mertxe Aizpurua, sinalou que, aínda que ten "puntos positivos", o Real Decreto Lei "queda curto, é insuficiente" porque só remunéranse dúas das oito semanas de permiso para coidado de fillos até os 8 anos e tachouno de "inxusto" porque só vaise a aplicar a menores nados a partir do 2 de agosto do 2024. Ao seu xuízo, a Lei de Familias, na que se traballou durante a pasada lexislatura era "máis avanzada".
"Márketing político"
Para a deputada de EAJ-PNV Idoia Sagastizabal, é unha norma con "luces e sombras", que "introduce avances en conciliación e corresponsabilidade e, sobre o papel, parece que se axusta aos principios que marca a Unión Europea" pero que na práctica é un dereito "limitado e distorsionado" e un exercicio de "márketing político". "As familias seguen cun concilia como poidas", engadiu, á vez que pediu que a norma se tramite como proxecto de lei para que poida ser rectificado a través de emendas.
Tamén o deputado do BNG Néstor Rego avanzou o seu apoio pero pediu que sexa tramitado como proxecto de lei para "melloralo" e reprochou ao Goberno que estendese os permisos "cando non queda máis remedio" e que o fai de forma "limitada" sen cumprir o prometido.
Igualmente, desde Compromís, Àgueda Micó asegurou o seu apoio ao Real Decreto Lei porque considera que avanza no "dereito para crecer en igualdade, en afecto e en acompañamento" e reclamou que teña en conta a realidade das familias reconstituidas e dos migrantes "porque a crianza non é de talla única", e que vaia acompañado de servizos públicos como "máis escolas públicas e gratuítas".
Nos corredores do Congreso, o ministro de Dereitos Sociais, Consumo e Axenda 2030, Pablo Bustinduy, celebrou que "hoxe é un día importante porque mentres no mundo enteiro desgraciadamente prodúcense retrocesos en dereitos e crecen as sombras, os conflitos e é un mundo máis desigual, máis inxusto e máis violento, España segue avanzando na ampliación de dereitos".
Bustinduy reiterou que este é "un primeiro paso para coller impulso" e que seguirá traballando para que ao final da lexislatura haxa 20 semanas de permisos retribuídos, tal e como recolle o acordo de Goberno entre o PSOE e Sumar.