Explotación laboral a migrantes na Terra Chá: sanción de 850.000 euros a dúas empresas implicadas na contratación de xornaleiros en Begonte
A alerta saltou ante a presenza dun grupo numeroso de cidadáns de orixe africana aloxados nun estabelecemento en Ordes.
A Inspección de Traballo impuxo sancións que ascenden a case 850.000 euros as dúas empresas implicadas na contratación de xornaleiros de orixe africana en situación irregular para traballar nunha explotación de arandos en Begonte (A Terra Chá), segundo informan a Europa Press fontes coñecedoras do caso.
A rede foi desmantelada en xaneiro, cando a Garda Civil comunicou que investigaba tres persoas, dous cidadáns galegos e outro de orixe africana, como presuntos autores dun delito contra os dereitos dos traballadores, pola contratación destes xornaleiros.
Segundo informaron fontes da Comandancia da Coruña, a investigación, bautizada como Operación Anavia, foi desenvolvida polo Equipo de Delitos contra as Persoas da Unidade Orgánica de Policía Xudicial (UOPJ) da Comandancia da Coruña, en colaboración coa Inspección de Traballo e Seguridade Social (ITSS) de Lugo, e iniciouse após recibir unha alerta sobre a presenza dun grupo numeroso de persoas de orixe africana aloxadas nun antigo hotel de Ordes (comarca de Ordes), estabelecemento que carece actualmente de licenza de hostalaría.
Unha residente do inmóbel avisou a Garda Civil e cando os axentes acudiron comprobaron que esas persoas estaban desorientadas e non sabían onde dirixirse. Após entrevistarse con eles, coa colaboración dos servizos sociais, logrouse recolocalos e iniciouse unha investigación para coñecer os motivos da súa chegada á Galiza.
Esas pescudas permitiron comprobar que os migrantes, en situación irregular, viaxaran desde o sur de España, principalmente desde Granada, coa promesa de que traballarían nunha explotación agrícola de Lugo. Unha vez na Galiza eran distribuídos en distintos inmóbeis de varias localidades, onde debían pagar un importe diario polo aloxamento, ademais de pagar o transporte diario até a leira onde traballaban.
A Garda Civil localizou a leira, unha explotación de arandos en Begonte e unha das leiras máis extensas da provincia, e planificou un operativo conxunto coa participación da ITSS de Lugo, axentes de Policía Xudicial da Coruña e efectivos da Comandancia de Lugo.
Nesa inspección, realizada o pasado verán, foron localizados 92 xornaleiros, dos cales 82 eran cidadáns estranxeiros en situación irregular, sen permiso de residencia nin de traballo.
A investigación permitiu identificar un armazón empresarial que facilitaba a contratación irregular dos xornaleiros. As empresas responsábeis da explotación subcontrataban a través dunha empresa de traballo temporal (ETT) con domicilio en Sevilla, que daba de alta ficticia un número reducido de traballadores en situación regular, mentres empregaba sen contrato ao resto dos xornaleiros.
Como resultado da operación, e após recibir os preceptivos informes do Instituto Nacional da Seguridade Social (INSS), foron investigadas esas tres persoas. Agora, transcende a multa de case 850.000 euros imposta a dúas empresas implicadas.