Inspección constata "graves incumprimentos" de Mercadona en prevención de riscos laborais
Unha protesta en Redondela convocada pola CIG denunciará o xoves 19 o “clima laboral” na empresa.
A Inspección de Traballo vén de emitir unha resolución requiríndolle a Mercadona que cumpra a normativa en prevención de riscos e corrixa as graves deficiencias detectadas a respecto tanto da formación nesta materia como da avaliación dos riscos psicosociais en centros de traballo de Pontevedra. Neste sentido, a CIG-Servizos continuará coa súa campaña “Un segredo a voces” para denunciar os “altos ritmos de traballo, as faltas de respecto e o acoso ao persoal” por parte da empresa e desenvolverá unha concentración en Redondela (comarca de Vigo) a vindeira quinta feira, 19 de decembro.
Dende a central sindical lembran que desde que obtiveron representación no comité pontevedrés hai dous anos comezaron a reclamar o cumprimento da normativa en prevención. Primeiro no comité de seguridade e saúde —atopándose co bloqueo de UGT e CCOO en complicidade coa empresa— e posteriormente ante a Inspección de Traballo, “que agora urxe Mercadona a tomar medidas inmediatas ante a "gravidade dos feitos" denunciados, xa que incumpren a metodoloxía recollida na normativa vixente”.
Primeiramente, a autoridade laboral céntrase no incumprimento da formación en prevención, indicando que a fórmula escollida pola empresa é “inapropiada” por ser só de dúas horas telemáticas e a parte práctica impartida por compañeiras e compañeiros de traballo, cando ten que ser impartida por persoal cualificado, como unha persoa técnica en prevención de riscos laborais (PRL).
“A Inspección coincide coa CIG en que nun prazo de tres meses Mercadona debe de impartir ás máis de 1.000 persoas traballadoras na provincia de Pontevedra unha formación que se axuste ao artigo 19 da Lei de prevención de riscos laborais, garantindo unha formación teórica e práctica suficiente e adecuada”.
Seguidamente, a resolución, á que tivo acceso Nós Diario, fai mención aos riscos psicosociais que sofren as persoas traballadoras en Mercadona, xa que a empresa non ten avaliados os factores de risco psicosocial desde o ano 2019, polo que a autoridade laboral cualifica esta avaliación como “insuficiente”.
En consecuencia, e tal e como vén denunciado a CIG en numerosas ocasións, na empresa e nos distintos comités, a Inspección tamén require unha avaliación destes riscos nos estabelecementos abertos nos últimos anos.
Na CIG consideran que existe unha relación directa entre estes incumprimentos e o actual clima laboral, caracterizado por “altos ritmos de traballo, faltas de respecto, presión ante baixas médicas, acoso por parte das responsábeis dos centros de traballo, dificultades e chantaxe ás persoas que solicitan conciliación familiar...”.
Ante estes feitos, a central estará “vixiante” para que a empresa cumpra “dunha vez” a normativa en PRL e en avaliación de riscos psicosociais, ao tempo que anuncia unha nova mobilización dentro da campaña “Un segredo a voces” para denunciar a situación que padece o persoal. De xeito que o vindeiro xoves 19 de decembro desenvolverá unha concentración diante do Mercadona de Redondela (comarca de Vigo) ás á 11 horas.