Galiza perde 57.000 postos de traballo desde a crise económica de 2008 mentres o Estado español marca un novo récord do emprego
O nivel de emprego no Estado español alcanzou o seu máximo rexistro histórico cun total de 21.823.000 traballadores e traballadoras afiliadas na Seguridade Social no terceiro trimestre de 2024, segundo os datos da Enquisa de Poboación Activa (EPA), que foi publicada esta sexta feira polo Instituto Nacional de Estatística (INE).
Non así na Galiza, pois o mercado laboral galego seguiu lonxe de alcanzar as cifras de ocupación previas á crise económica de 2008. Así, a afiliación á Seguridade Social alcanzou 1.159.400 traballadores e traballadoras a nivel galego, un dato que fica aínda por baixo das 1.216.400 que estaban dadas de alta no terceiro trimestre daquel ano.
O terceiro trimestre de 2008 foi un punto de inflexión no mercado laboral galego, que comezou unha caída en picado no número de empregos que durou máis dun lustro, alcanzando o seu peor rexistro no primeiro trimestre de 2014, cando o número de traballadores e traballadoras de alta na Seguridade Social chegou ao seu récord negativo da serie histórica (que comeza en 2002), con 982.800.
A partir de aí, a ocupación no mercado laboral galego estabilizouse durante o seguinte exercicio, o de 2015, para despois experimentar unha recuperación sostida que durou até o terceiro trimestre de 2019, o ano previo á crise provocada pola pandemia do coronavirus. Dous anos despois, no terceiro trimestre de 2021, recuperouse o nivel previo á Covid, chegando a 1.115.000 traballadores e traballadoras, e o emprego volveu estabilizarse durante un exercicio, o de 2022, cun leve descenso de 2.000 afiliacións nos seguintes 12 meses.
A afiliación á Seguridade Social descendeu 4,7% na Galiza nos últimos 16 anos
Os seguintes dous anos foron positivos, cun aumento das altas na Seguridade Social que deixou a ocupación no dato coñecido esta sexta feira, de 1.159.400 traballadores e traballadoras. Con todo, este bo dato reflexa tamén un mercado laboral que non conseguiu volver aos niveis anteriores á crise económica de 2008. Deste modo, na Galiza había no terceiro trimestre de 2024 até 57.000 empregos menos (-4,7%) dos que existían 16 anos atrás, cando azoutou a gran recesión.
A recuperación estatal
Pola contra, o mercado laboral do Estado español si recuperou o seu nivel de emprego previo á crise económica de 2008, pois a Seguridade Social contaba no terceiro trimestre de 2024 cun total de 21.823.000 afiliacións, 1.266.600 máis (+6,2%) que no mesmo período daquel ano.
A ocupación subiu 6,2% no Estado español desde a crise económica
De feito, no Estado español, o emprego xa superara as cifras anteriores á gran recesión no segundo trimestre de 2022, e xa marcara un récord histórico de ocupación no terceiro trimestre dese exercicio. A partir de aí, o mercado laboral volveu rexistrar catro máximos da serie até en catro ocasións, no segundo e no terceiro trimestre de 2023, e nos mesmos períodos de 2024.
Afiliación e desemprego
Á marxe do acontecido a longo prazo, os empregos creados na Galiza no terceiro trimestre de 2024 experimentaron unha evolución positiva con respecto ao mesmo período do ano anterior, con 16.100 traballadores e traballadoras máis (+1,4%). Na comparanza co segundo trimestre, as afiliacións á Seguridade Social aumentaron en 23.800 (+2,1%). Desta maneira, a taxa de ocupación elevouse a 48,8%.
Ademais, o desemprego baixou en 6.200 persoas (-5,2%) entre o terceiro trimestre de 2023 e o mesmo período de 2024. Con respecto ao trimestre anterior, o paro diminuíu en 7.300 persoas, (-6,2%), até un total de 112.500 desempregados e desempregadas, segundo os datos da EPA. Con base nestes datos, a taxa de paro galega descendeu a 8,8%.
Por sexos, o desemprego segue afectando dunha maneira máis elevada entre as mulleres (9,2%) que entre os homes (8,6%), aínda que a caída do paro entre elas foi maior que no caso deles, cuns descensos de 1% e de 0,3%, respectivamente. Así, os homes en situación de paro foron 55.900, 2.100 menos que tres meses antes, mentres que había 56.600 desempregadas mulleres, 5.200 menos que o anterior trimestre.
Ademais, das 333.200 mozas e mozos de entre 16 e 29 anos que viven na Galiza, 164.300 eran inactivas (49,3%), 136.900 estaban ocupadas (41,1%) e 31.900 paradas (9,6%). Neste tramo de idade observouse un descenso trimestral de 1,5% no desemprego. Pola súa parte, medrou a poboación xuvenil ocupada 9,8% e a inactiva descendeu 5,2%.
Por sectores, na Galiza rexistrouse un aumento xeneralizado do emprego en todas as ramas salvo na da construción, que sufriu un descenso de 400 traballadores e traballadoras (-0,5%). Ao mesmo tempo, a ocupación aumentou en 12.100 persoas na industria, 6,8% máis. Ademais, a afiliación creceu en 9.000 persoas en servizos, 1,1% máis. Tamén medrou en 3.300 altas en agricultura e pesca, 4,6% máis.
Das 2,3 millóns de persoas de 16 ou máis anos que viven na Galiza, 1.271.900 estaban activas, o que deriva nunha taxa de actividade de 53,6%. Respecto ao trimestre anterior, estas aumentaron en 16.500, elevando a taxa en 0,6 puntos. Ademais, na comparativa co mesmo período de 2023, o aumento das persoas que estaban activas foi de 9.900, o que supuxo unha alza de 0,8%.
Os sindicatos lamentan o avance da temporalidade
Segundo o secretario confederal de Negociación Colectiva da CIG, Francisco González Sío, os datos da EPA publicados "confirman o avance da precariedade, sobre todo entre as mulleres, e o esgotamento da contratación indefinida, que pasou a ser residual, medrando a temporalidade en dous puntos porcentuais". Neste sentido, considera que "isto é consecuencia da aplicación, xa de forma plena, da reforma laboral 2021". "Vemos como, unha vez que os postos de traballo indefinidos chegaron a un punto, xa non van máis alá", conclúe González Sío.
"Luces e sombras" e paro de longa duración
A secretaria de Emprego de CCOO, Maica Bouza, tamén salienta que "medra máis o emprego temporal que o indefinido". Por este motivo, e a pesar do aumento do emprego e o descenso do paro, di, "o balance do mercado laboral nestes tres meses ten luces e sombras".
Pola súa parte, o secretario de Organización de UXT, José Luís Fernández Celís, destaca que 35,6% do total das persoas en paro leva un ano ou máis buscando emprego. "É imprescindíbel acometer unha reforma das políticas activas de emprego que garanta unha orientación laboral individualizada para aumentar a súa empregabilidade", afirma.