Os sindicatos critican a "estacionalidade" no emprego, cun mes de agosto que fechou con 1.833 persoas máis no paro que en xullo
Galiza rexistrou ao remate de agosto, unha vez concluída a campaña do verán, 1.833 persoas desempregadas máis nas oficinas de emprego con respecto ao mes de xullo, situándose en 109.691, aínda que o número de paradas descendeu con respecto a agosto de 2024 en 8.987 (unha baixada de 7,57%). Así se reflicte nos datos feitos públicos esta terza feira polo Ministerio de Traballo e Economía Social, que tamén reflicten que, do total de desempregadas na Galiza, 9.556 traballadoras son estranxeiras. Así mesmo, do total de persoas no paro rexistradas na Galiza, 44.206 eran homes e 65.485, mulleres. Aliás, hai rexistradas 4.119 persoas desempregadas menores de 25 anos.
Galiza perdeu en agosto 2.279 afiliados e afiliadas á Seguridade Social, aínda que o número de cotizantes creceu en 18.321 (+1,68%) en comparación co mesmo mes do ano pasado. Así, o país contaba a 31 de agosto cun total de 1.111.207 persoas afiliadas.
Con respecto aos expedientes de regulación de emprego (ERE), a finais de agosto había 57 empresas e 503 traballadores e traballadoras afectadas por ERE por causas económicas e organizativas, dos que 419 eran homes e 84, mulleres. En total, no conxunto da Galiza, a finais de agosto había 77 empresas afectadas por ERE e 587 traballadores e traballadoras, das 513 estaban afectadas por unha suspensión total e 74 por unha de carácter parcial.
"Precariedade e estacionalidade"
Diante dos datos do desemprego, a CIG criticou esta terza feira que estes números “confirman a precariedade e a estacionalidade do mercado laboral”, xa que a “perda de emprego rexistrada neste período en sectores como a educación ou en actividades profesionais administrativas evidencia o fracaso do modelo ligado ao turismo”. O secretario confederal de Negociación Colectiva, Emprego e Industria da CIG, Francisco González Sío, salientou que os datos “mostran unha extensión da precariedade”, xa que a afiliación á Seguridade Social cae "nos sectores con mellores condicións" e crece "nos que peores condicións teñen”.
Pola súa parte, Comisións Obreiras demandou un orzamento para 2026 "que impulse un novo modelo produtivo e fortaleza a educación, a investigación e a igualdade". A secretaria de Organización e Políticas Públicas de CCOO, Maica Bouza, dixo que o único positivo dos datos é “o aumento da afiliación á Seguridade Social”, pero destacou que no resto “a evolución é peor se comparamos co mesmo mes do ano pasado".
Para UXT é "preocupante" a situación das mulleres, "que sofren case 60% do desemprego no país”. Destacaron desde o sindicato que "Galiza rexistra o menor número de persoas en paro nun mes de agosto desde 1996", pero demandaron “investir en políticas activas de emprego para combater o paro de longa duración".
Tamén valorou os datos a vicepresidenta segunda do Goberno español e ministra de Traballo, Yolanda Díaz, destacando que "a estacionalidade xa non pesa como antes e o emprego con dereitos crece con forza”. Díaz defendeu os efectos da reforma laboral e afirmou que “a economía española é máis sólida cando se aposta pola xente traballadora".
E o conselleiro de Emprego da Xunta de Galiza, José González, puxo en valor o “bo comportamento do mercado laboral galego”, aínda que avogou por “seguir traballando” para “consolidar un mercado laboral forte, dinámico e inclusivo”.