Galiza fecha agosto con 1.833 persoas máis en situación de desemprego que no mes anterior
Galiza rexistrou en agosto 1.833 persoas desempregadas máis rexistradas nas oficinas de emprego con respecto ao mes de xullo, situándose en 109.691, aínda que o número de paradas descendeu con respecto a agosto de 2024 en 8.987 (unha baixada do 7,57%).
Así se reflicte nos datos feitos públicos esta terza feira polo Ministerio de Traballo e Economía Social, que tamén reflicten que, do total de desempregadas na Galiza, 9.556 traballadoras son estranxeiras. Así mesmo, do total de persoas no paro rexistradas na Galiza, 44.206 eran homes e 65.485 mulleres; mentres, hai rexistradas 4.119 desempregadas menores de 25 anos.
Afiliación á Seguridade Social
Galiza perdeu en agosto 2.279 afiliados e afiliadas á Seguridade Social, aínda que o número de cotizantes creceu en 18.321 ( 1,68%) en comparación co mesmo mes do ano pasado. Así, segundo os datos feitos públicos esta terza feira polo Ministerio de Inclusión, Seguridade Social e Migracións, Galiza contaba a final de agosto cun total de 1.111.207 persoas afiliadas.
Do total de afiliadas na Galiza, 887.916 corresponderon ao réxime xeral e, dentro delas, 6.737 eran do sistema especial agrario e 21.661 do sistema especial de emprego de fogar. Así mesmo, 205.042 estaban rexistradas como autónomas, e 18.249 no réxime especial de traballadoras do mar.
Expedientes de regulación de emprego
Con respecto aos expedientes de regulación de emprego, a finais de agosto había 57 empresas e 503 traballadores e traballadoras afectadas por ERE por causas económicas e organizativas, dos que 419 eran homes e 84 mulleres.
Igualmente había 20 empresas afectadas por ERE por causa de forza maior e 84 traballadores e traballadoras. En total, no conxunto da Galiza, a finais de agosto había 77 empresas afectadas por ERE e 587 traballadores e traballadoras, dos 513 estaban afectadas por unha suspensión total e 74 por unha suspensión parcial.