Fruga denuncia "persecución xudicial" contra a súa actividade sindical e contra o dereito á denuncia

Faixa da Fruga durante unha mobilización contra a fraude forestal no ano 2013. (Foto: Nós Diario)

A federación agrarista alerta dunha investigación no xulgado de Corcubión contra un dos seus dirixentes, varias denunciantes e mesmo un medio de comunicación, quince anos despois de destaparse presuntas irregularidades nas axudas forestais.

A Federación Rural Galega (Fruga) denunciou esta sexta feira o que cualifica como unha "persecución da actividade sindical e do dereito á denuncia" tras a apertura dunha investigación xudicial no Xulgado de Corcubión (comarca de Fisterra) contra o sindicalista Gabriel López, daquela responsábel da coordinación da organización na Costa da Morte, así como contra varias das persoas denunciantes, testemuñas e mesmo un medio de comunicación, no marco do caso coñecido como 'Operación Forest'.

Segundo explica a organización sindical, os feitos teñen a súa orixe no ano 2011, cando varias persoas afectadas detectaron presuntas irregularidades na tramitación e concesión de axudas forestais destinadas á plantación, conservación e xestión de parcelas. As primeiras denuncias foron presentadas ante a Fiscalía Provincial da Coruña e a Consellaría do Medio Rural e, posteriormente, as afectadas acudiron á Fruga para solicitar apoio, asumindo a federación un papel activo de denuncia pública e xudicial das supostas prácticas irregulares.

Aquel procedemento acabou arquivado tras anos de instrución, un desenlace que a Fruga atribúe á lentitude da xustiza e ao feche "en falso" da causa. Porén, a federación considera "sorprendente" que, 15 anos despois, unha das persoas encausadas naquel proceso pasara a exercer como denunciante, provocando agora unha investigación contra quen impulsou as denuncias iniciais.

Para a organización, esta situación non pode interpretarse doutra maneira que como "un aviso a navegantes" dirixido tanto á propia Fruga como ao conxunto de entidades sociais e sindicais que denuncian abusos. "Unha das razóns de ser das organizacións sociais e sindicais é a denuncia das inxustizas, agravios e abusos que sofren as clases populares e, no noso caso, como entidade agrarista, as labregas e os labregos deste país", sostén a federación.

Dada a complexidade e o alcance da denuncia, a Fruga informou de que solicitou apoio xurídico á Fundación Terrum Social, cuxo gabinete asumiu a defensa tanto do sindicalista investigado como doutras persoas afectadas que así o requiriron.

A Federación Rural Galega asegura que non se deixará amedrentar e reafirma o seu compromiso coa defensa do campesiñado galego. " Reafirmámonos no noso compromiso coa defensa do país e do seu campesiñado fronte a quen, desde os poderes económicos e políticos, pretenden facer da xustiza trincheira das súas inxustizas, criminalizando as vítimas e perseguindo a nosa actividade social", conclúen.