Folga indefinida no SAF de Ponteareas polos "graves incumprimentos" da empresa concesionaria
As traballadoras, apoiadas pola CIG, denuncian atrasos nas nóminas, falta de prevención de riscos e condicións indignas, e reclaman que o Concello asuma a xestión do servizo.
O persoal do Servizo de Axuda no Fogar (SAF) de Ponteareas (O Condado) iniciou esta sexta feira unha folga indefinida en resposta aos "graves incumprimentos" da empresa concesionaria, Óbolo. As traballadoras concentráronse no interior e no exterior do Concello e anunciaron mobilizacións de segundas a sextas feiras até conseguir unha solución.
Desde a CIG lembran que o Goberno local, do PP, adxudicou a xestión do servizo por 6,5 millóns de euros a unha empresa privada "a cambio de escravizar as traballadoras para obter máximo beneficio". Subliñan que en cinco anos o SAF pasou por mans de catro compañías distintas —Clece, Samaín, Aralia e agora Óbolo—, sempre con problemas crecentes.
A central sindical denuncia que levan anos reclamando o pagamento puntual das nóminas, o abono de todas as horas traballadas, contratos a tempo completo, descansos legais e medidas de prevención. Aseguran que no último pleno municipal advertiron de que a licitación non garantía condicións dignas e que Óbolo acumulaba conflitos noutros puntos do Estado español.
Seis meses despois da adxudicación, afirman que a empresa "nin sequera visitou Ponteareas". O persoal, denuncia a CIG, continúa sen rexistro de xornada, sofre atrasos salariais, erros de cálculo, falta de cotización polas pagas extra e altas demoradas até quince días. Carecen, ademais, de plan de prevención e de material básico como luvas.
A situación esténdese tamén a provedores, con atrasos nos pagamentos que "poñen en risco a continuidade do servizo". Engaden que non se atenden as queixas das persoas usuarias e "a empresa non responde da súa xestión diante do Servizos Sociais do Concello".
Denuncia na Inspección de Traballo
A CIG presentou denuncia na Inspección de Traballo e trasladou ao Concello os incumprimentos, sen obter resposta. "Hai dez días que rexistramos a convocatoria de folga e nin sequera se dignaron a recibirnos", censuran.
As traballadoras e a central sindical reclaman a rescisión inmediata do contrato con Óbolo e que o Concello asuma directamente a xestión "para deixar de entregar cartos públicos a empresas piratas que facturan a cambio de nada", conclúen, chamando á solidariedade da veciñanza e das familias usuarias.