Ferido un operario dun guindastre tras caer duns 15 metros no porto de Marín
22 de agosto de 2025 (17:50 h.)
O traballador escorregou na parte superior do guindastre.
Un operario de guindastre tivo que ser evacuado ao hospital tras sufrir unha caída desde uns 15 metros mentres traballaba no porto de Marín (O Morrazo).
Segundo informou o 112 Galiza, o suceso produciuse sobre as 10.30 horas desta sexta feira e foi o persoal da Autoridade Portuaria o que deu a voz de alarma.
Os Bombeiros rescataron o operario que escorregou na parte superior do guindastre e foi trasladado en ambulancia ao Hospital Domínguez.
No operativo tamén participaron os profesionais sanitarios, a Garda Civil e a Policía española.