Falece un operario dunha empresa de Narón que sufriu un accidente laboral o pasado 12 de marzo
Recibiu un forte impacto na cabeza.
Un operario de 46 anos faleceu no mediodía desta segunda feira no Complexo Hospitalario Universitario da Coruña (CHUAC), como consecuencia das feridas sufridas o pasado 12 de marzo nun accidente laboral ocorrido nunha empresa situada no polígono industrial de Río do Pozo, en Narón (Ferrolterra).
O traballador pertencía a unha compañía que realiza traballos de gas, naval, equipos de presión, calefacción, renovábeis, fontanería e climatización e estaba a manipular dúas botellas de CO2 que caeron ao chan e impactaron contra a cabeza do operario.
Segundo afirmaron fontes consultadas pola axencia Europa Press, na compañía hai comité de empresa formado por dous delegados da CIG, outros tantos de CCOO e un de UXT, pero a empresa en ningún momento comunicou aos representantes dos traballadores nada do ocorrido.