Ence pretende despedir perto do 20% do seu persoal na celulosa de Pontevedra
A dirección de Ence presentou á representación sindical da súa fábrica de Pontevedra unha proposta para despedir 40 traballadores e traballadores que se sumarían aos despedimentos efectuados nos últimos meses polas empresas auxiliares da factoría. A alternativa formulada pola compañía implica reducir o cadro de persoal da súa planta de Pontevedra en perto de 20%. Actualmente a pasteira emprega de forma directa nas súas diversas divisións ao redor de 270 persoas, cunha idade media próxima aos 45 anos. Neste sentido, argumenta desafacerse de 40 persoas pola complicada situación na que se atopa o sector da celulosa a nivel mundial, do que tamén é un exemplo a perda de valor en bolsa de grupos como Altri ou Navigator.
Ence xustifica os despedimentos con base na caída do prezo da pasta de papel, que lle provocou unhas perdas de 22 millóns de euros nos primeiros nove meses do presente ano. Nesta liña, o Informe de resultados do terceiro trimestre de 2025, presentado pola empresa na terza feira, asegura que os despedimentos permitirían un aforro de 200 millóns de euros nun ano. A este respecto, a pasteira xa puxo en marcha un Plan de Eficiencia e Competitividade, que está "apoiado en dous piares principais": por unha parte, as solucións de intelixencia artificial e de enxeñaría e automatización de procesos; por outra, a racionalización dos procesos operativos a través dunha redución ordenada da estrutura de persoal da factoría. Neste sentido, apunta que "o conxunto do plan ten un potencial de aforro anual estimado en cash cost [indicador que mide os custos de produción] de aproximadamente 22 euros toneladas, e a saída de caixa sería de perto de 23 millóns de euros".
As fontes sindicais consultadas por Nós Diario discrepan dos argumentos empregados pola compañía para aplicar o recorte de persoal. Entenden que a decisión estaba planificada desde hai tempo e critican que Ence xustifique en razóns económicas os despedimentos, cando no exercicio pasado repartiu beneficios entre os seus accionistas por máis de 32 millóns de euros. Ao tempo, denuncian que o grupo está a recibir axudas públicas de diversas administracións, entre elas a Xunta da Galiza.
O presidente do comité de empresa de Ence en Pontevedra, Omar Vázquez, denuncia, en declaracións a este xornal, "a mala fe por parte da empresa, porque neste momento non temos aberta ningunha negociación sobre os despedimentos". Ao tempo, destaca que "o plan de competitividade é só unha escusa para facer recortes", e lembra que "o custo salarial representa unha porcentaxe moi baixa do custo de produción, polo que os seus argumentos non nos convencen".
O secretario nacional da CIG-Industria, Marcos Conde, indica a este medio que "a posición da CIG vén sendo desde hai moitos anos a mesma, isto é, asegurar os postos de traballo e o emprego, abrindo unha mesa cos traballadores para analizar que posibilidades temos". Nesta liña, lamenta que "non sabemos cal vai ser a posición da Xunta neste conflito, nin a quen vai apoiar", e lembra que o actual emprazamento de Ence na ría está a ser "cuestionado".
Transportistas
A decisión de Ence de despedir perto de 20% do seu persoal da celulosa de Pontevedra abre un novo conflito. Nos últimos días os traballadores e as traballadoras das empresas auxiliares mobilizáronse contra os despedimentos, e desde o 24 de outubro os transportistas autónomos que traballan para a compañía cortaron a subministración de madeira ás súas fábricas. As fontes consultadas por este xornal destacan que a planta de Pontevedra só conta con madeira para continuar coa súa actividade durante unha semana.
O secretario xeral da asociación de transportistas Vieiros, Alberto Vila, explica a Nós Diario que "na terza feira houbo unha asemblea masiva en Vilalba na que se acordou continuar o paro até que non incrementen o prezo das cargas". Nesta dirección, alerta de que "Ence nunha semana vai ter problemas de abastecemento", e destaca que "os transportistas fanse valer e coa súa actitude de forza van obrigar a Ence a atender as súas reivindicacións".
.