Ence fecha a negociación co comité de folga cun comunicado ao persoal

Comité ás portas de Ence. (Foto: Nós Diario)
A representación sindical alerta que a empresa "segue negándose ao acordo".

O comité de folga de Ence, en Pontevedra, informou a primeira hora desta quinta feira que despois dunha longa reunión de varias horas coa dirección xeral da empresa, esta "segue negándose a calquera acordo sobre as reivindicacións do persoal” en materia de seguridade e sobre a súa viabilidade.

A través dun comunicado, sinalan que a compañía, na xuntanza, “centrouse en promover o seu suposto compromiso co Plan Estratéxico 2024-2028 e en esixir a desconvocatoria da folga a cambio dun novo calendario de xuntanzas coa dirección da fábrica”. Ademais, aclaran que Ence decidiu, de maneira unilateral, rematar co encontro mediante un comunicado interno dirixido ao persoal cando estaban negociando. 

Desde o comité lembran que seguen en pé as súas reivindicacións en materia de seguridade, entre outras demandas, "a entrega dos informes de risco estrutural –para control de prazos e execución das accións necesarias por seguridade– e que se dispoña dunha reserva mínima de seis millóns de euros para executar o plan de reparación". 

Alén diso, exixen "compensacións económicas polas perdas de produción acumuladas nos últimos meses" debido a avarías graves ou reducións decididas pola empresa. O comité quere que se cumpra"de maneira estrita" o plan de formación, asinado no convenio, e a reversión ao fondo de créditos do persoal de todos os xuros acumulados nos últimos anos. Por último, demandan a actualización anual conforme ao Índice de Prezos de Consumo (IPC) e recoñecemento definitivo da titularidade do fondo á parte social.

"Se a dirección da empresa non é capaz de asumir o compromiso con estas demandas básicas", asegura, "o comité pon en dúbida o compromiso cos investimentos a longo prazo", conclúe.