Detido un empresario da Coruña que contrataba persoas estranxeiras con identidades falsas para aforrar custos laborais
O acusado suplantaría a identidade de antigos traballadores coas novas contratacións irregulares.
Axentes da Policía Nacional detiveron na Coruña un home como presunto autor dun delito de falsidade documental, por empregar cidadáns estranxeiros utilizando, supostamente, a identidade de terceiras persoas que serían ex traballadores da empresa.
A investigación, bautizada como ‘Operación Marka’, executouna o grupo 2 da Unidade Central de Redes de Inmigración Ilegal e Falsidades Documentais (Ucrif) da Policía Nacional, e principiouse tras a denuncia dun cidadán estranxeiro que, ao consultar a súa vida laboral, comprobou que fora dado de alta na Seguridade Social por unha empresa en datas nas que se atopaba traballando noutra compañía distinta, fóra do Estado español.
A empresa, dedicada a labores de limpeza e de mantemento, empregaba supostamente cidadáns de orixe estranxeira utilizando documentos de identidade de antigos traballadores.
Segundo explicou a Policía, o empresario actuaba así coa intención de aforrar a contía dos cursos de preparación necesarios para o desenvolvemento da actividade laboral, obrigatorios para os novos empregados, así como o custo de dalos de alta na Seguridade Social. Desta maneira, daba de alta novamente antigos empregados que xa realizaran estes cursos.
Con iso prexudicaba, por unha parte, os propios traballadores, que eran contratados crendo que o empresario realizaba todos os trámites para dalos de alta na Seguridade Social e, posteriormente, descubrían que desenvolveran un traballo polo que non xeraran os correspondentes días de cotización, posto que estes derivaban nos auténticos titulares das altas.
E, por outro lado, prexudicaba as empresas para as que realizaba os mantementos, posto que eludía os sistemas de control destas ao estar a desenvolver a súa actividade con persoal non cualificado nos cursos en seguridade laboral previamente exixidos, co consecuente risco á súa vez para a saúde dos empregados.
Aliás, varios dos traballadores foron despedidos cando detectaron que no seu contrato figuraba o nome dun terceiro e o empresario negouse a emendalo.