Galiza perde 7.205 afiliacións á Seguridade Social mentres o Estado español rexistra o mellor setembro da serie histórica

Traballadores durante a súa xornada laboral nos Ancares. (Foto: Carlos Castro / Europa Press)
O desemprego medra 3,1% na Galiza mentres rexistra un moderado descenso a nivel estatal.

A Seguridade Social perdeu 7.205 afiliados e afiliadas en setembro na Galiza, o que supón un 0,65% menos respecto a agosto, até ficar en 1.104.002 cotizantes, segundo datos publicados esta quinta feira polo Ministerio de Inclusión, Seguridade Social e Migracións.

Este descenso contrasta co incremento rexistrado de media a nivel estatal, onde a Seguridade Social gañou unha media de 31.462 cotizantes en setembro respecto ao mes anterior ( 0,15%), a súa maior repunta neste mes desde o inicio da serie en 2002. Só foron mellores os meses de setembro de 2020 e 2021, no período de pandemia.

Nos últimos 12 meses, Galiza incrementou o seu número de cotizantes en 18.156 persoas, un 1,67% máis, mentres que a nivel estatal esta cifra foi de 499.459 persoas, un 2,36% máis. Do total das persoas afiliadas galegas, 881.429 pertence ao réxime xeral, dos cales 7.581 traballa no sector agrario e 21.600 no fogar. Ademais, 204.578 son autónomas e 17.996 pertencen ao réxime do mar.

Desemprego

O paro rexistrado nas oficinas dos servizos públicos de emprego subiu en 3.394 persoas en setembro na Galiza, o que supón case un 3,1% máis respecto ao mes anterior, até situarse en 113.085 desempregados e desempregadas, segundo datos do Ministerio de Traballo e Economía Social publicados esta quinta feira. Desta maneira, o paro baixou na Galiza un 6,54% nos últimos 12 meses, con 7.907 menos anotadas nas listas de desemprego.

No conxunto do Estado español, un total de 2.421.665 persoas están rexistradas nas oficinas de emprego, 4.846 menos que en agosto (-0,2%), o que supón un descenso do desemprego, ao contrario do que aconteceu na Galiza. En termos anuais, a caída a nivel estatal foi do 5,97%, con 153.620 desempregadas menos.

Por outra parte, do total das persoas desempregadas na Galiza, un 59,44% era muller e un 4,3% menores de 25 anos. Ademais, todos os sectores incrementaron o paro o mes pasado, aínda que a suba foi moito máis considerábel no sector servizos, con 2.487 persoas desempregadas máis tras o fin da tempada estival.