A demanda de emprego digno na propia terra toma a rúa no Día da Clase Obreira Galega

Manifestación en Vigo [CC BY-NC-SA CIG-Avantar]

Manifestacións nas principais cidades do país convocadas polas centrais sindicais clamaron polo dereito ao traballo. Ferrol congregou os actos centrais do 10 de marzo. 

 

Polas rúas de Vigo, Ferrol e Compostela camiñaron centos de traballadoras e traballadores que reivindicaron o seu dereito a vivir e traballar na propia terra. Con motivo do Día da Clase Obreira Galega as manifestacións convocadas pola CIG, dunha banda, e por CC.OO-UGT-USTG por outra, congregaron a centos de persoas. 

A central sindical nacionalista, que desenvolveu tamén mobilizacións en Compostela e Vigo, congregou a centos de persoas a prol do "Emprego en Galiza", lema co que convocaron á cidadanía neste 10 de marzo. Desde a CIG quixeron dar continuidade á campaña que veñen desenvolvendo desde finais do pasado ano e que está a promover unha Iniciativa Lexislativa Popular que rematará no Parlamento. 

Através da recollida de sinaturas e de mocións presentadas en todos os concellos do país, desde a Confederación Intersindical Galega instan a Xunta a desenvolver 100 medidas para o crecemento económica e a creación de emprego. Eixos, estes, arredor dos que xirou tamén a conmemoración do Día da Clase Obreira Galega. 

O acto central, do que tomou parte o secretario xeral da CIG, Suso Seixo, tivo lugar como é tradicional na cidade de Ferrol, lugar onde foron asasinados Amador Rei e Daniel Niebla. Mais que nos últimos anos está a gañar relevancia pola dramática situación que atravesa a comarca de Ferrolterra ao ser esta a que maior emprego destruiíu e que acolle maiores taxas de desemprego de todo o Estado. 

Face o "empobrecemento masivo da poboación", din desde a CIG "temos alternativas"

"Gobernar os nosos recursos" face "a caída dos salarios" e a emigración

Desde a CIG quixeron salientar neste 10 de marzo que ao igual que en 1972 "hoxe vivimos outra ditadura" caracterizada por "un réxime ateigado de corrupción que goberna a favor dos máis ricos, dos bancos e das grandes empresas". Unha realidade que deita as maiores taxas de desemprego da historia de Galiza e unha nova vaga de emigración xuvenil por volta de 100.000 moz@s nos últimos anos. Aliás, os "recortes en sanidade" e educación, "a caída dos salarios" ou as políticas antisociais promovidas pola dereita española e galega, deveñen nun "empobrecemento masivo da poboación" que contrasta cos "80.000 millóns de euros" entregados "para axudar á banca privada".  

para a central sindical nacionalista "face esta realidade" urxe un cambio de rumbo nas políticas económicas, razón pola que están a promover a ILP a prol do emprego. "Temos alternativas e un futuro digno" lembraron, mais "necesitamos gobernar os nosos recursos" e "defender os nosos intereses". Un horizonte, din, ao que non poderán chegar se "España e Europa continúan espoliando as nosas riquezas". 

Apupos ao alcalde de Ferrol na ofrenda floral de CC.OO-UGT-USTG
Os actos do 10 de marzo comezaron a primeira hora da mañá coa tradicional ofrenda floral convocada por CC.OO perante o monolito que lembra os dous traballadores asasinados en 1972. Face o recordo a Amador Rei e Daniel Niebla, @s líderes de CC.OO, UGT e USTG quixeron lembrar, xunto co alcalde de Ferrol, a figura dos dous operarios ferroláns. Porén, un grupo de traballadores non permitiron que o rexedor pronunciase o seu tradicional discurso ao berro de "Amador, Daniel a loita continúa".