Condutores de bus denuncian as condicións laborais: "Non tes vida, vives para a empresa"

Concentración ante a estación de Compostela na defensa dun "convenio digno" para o sector, esta quinta feira. (Foto: Nós Diario)
A folga convocada polos sindicatos no sector do transporte de viaxeiros e viaxeiras por estrada, a nivel provincial da Coruña, chega esta sexta feira á súa décima xornada. O conflito comezou o 5 de setembro pola "mellora das condicións laborais e salariais". A patronal aceptou esta quinta a solicitude de mediación presentada polos sindicatos. 

Os concellos afectados pola folga convocada a nivel provincial da Coruña no sector do transporte volven esta sexta feira amencer sen autobuses circulando. É a décima xornada de folga no sector do transporte de viaxeiros e de viaxeiras para reclamar un "convenio digno" para os 3.500 profesionais do sector. O paro, convocado pola CIG, CCOO e UXT, podería converterse en indefinido a partir do 2 de febreiro de non se lograr un acordo. A patronal aceptou finalmente a última hora da mañá dsta quinta feira a solicitude de mediación cursada polas centrais sindicais a pasada sexta feira no Acordo interprofesional galego sobre procedementos extraxudiciais de solución de conflitos de traballo (AGA) eo día 26 as partes sentaranse a negociar. 

Os nove paros protagonizados polos traballadores e as traballadoras do sector até hoxe tiveron un amplo seguimento e paralizaron en gran medida o transporte de viaxeiros por estrada, en todas as súas modalidades, no urbano, no interurbano e no escolar, afectando miles de persoas usuarias nas cidades e vilas.

Beatriz Rodríguez é condutora de autobús urbano en Santiago de Compostela na empresa Monbus. Nos seus 20 anos como profesional á fronte do volante pasou por cinco empresas distintas. Neste tempo, apunta, houbo un progreso evidente, sinala a Nós Diario, que é que "as mulleres facemos o mesmo traballo que os homes e temos os mesmos salarios". Un avance que non é pouca cousa, destaca, mais que  non se reflectiu noutros aspectos. "Continúan as xornadas abusivas, con dispoñibilidade ao servizo da empresa de até 12 horas, a imposibilidade de conciliación ou uns salarios que non chegan, cobramos case o mesmo que hai 20 anos", explica a condutora. Nestas dúas décadas, porén, o custo da vida aumentou na Galiza en 50%, segundo o índice de prezos ao consumo (IPC) do Instituto Nacional de Estatística (INE).

Hugo Antunes, de 33 anos e nove deles sendo condutor, tamén traballa para Monbus —a principal empresa do sector— tanto en liñas urbanas como interurbanas. "As xornadas son abusivas", afirma a Nós Diario. "Estás á dispoñibilidade da empresa de seis da mañá a nove da noite", denuncia, "e o salario dun chofer polo convenio anda ao redor dos 1.200 euros". Antunes critica a "falta de organización, non sabemos o que nos vai tocar ao día seguinte até as nove da noite do día anterior, así é imposíbel que un poida dispor da súa vida".

Neste sentido, Beatriz Rodríguez denuncia que "non tes vida, vives para a empresa, estás á súa dispoñibilidade. As horas que por lei che toca descansar non estás na casa, estás por aí no bus, en horas mortas á espera de que che toque volver traballar". Esta condutora lembra que nunha temporada na que esas "horas mortas" —horas entre un servizo e outro— lle tocaban regularmente en Touro, unha vila da comarca de Arzúa, chegou a facerse socia da biblioteca "para así pasar esas horas [até que lle tocaba volver traballar], lendo, polo menos ocupar ese tempo en algo".

Juan Carlos Ramos, condutor de Arriva, atende este medio desde A Coruña pouco antes de comezar o seu servizo, que o levará até Lugo. "Física e mentalmente este traballo malla moito, son moitas horas. Son oito horas de condución pero de dispoñibilidade á empresa podes ter 12", apunta este chofer que, ao igual que os seus compañeiros e compañeiras, incide na "imposibilidade de conciliar, de organizar a túa vida" con eses horarios. A isto engade Ramos que os salarios apenas poden facer fronte ao encarecemento dos prezos destes anos. "Os salarios non dan", acrecenta.

Comprensión das persoas usuarias do servizo

Hugo Antunes ve "normal" que haxa persoas usuarias molestas polos paros e folgas, mais apela á súa comprensión e lembra que "quen permitiu que esta situación se estivese a prolongar é a patronal e a Xunta", ao optar polo bloqueo e a inacción, respectivamente.

"Son moitas horas", reitera Beatriz Rodríguez, "e é imposíbel conciliar. Teño unha filla de seis anos que como teña quenda de tarde xa non a vexo en toda a semana", explica. "E cando pides á empresa que che faciliten conciliar, dinche que a túa vida privada non nos importa".

As centrais convocantes inciden en que a solución ao conflito é posíbel e que as reivindicacións que poñen riba da mesa non teñen porqué ser inadmisíbeis por parte da patronal do transporte. "Pedimos, primeiro, unha cláusula de revisión de salarios vencellada ao IPC, e unha suba salarial digna para o ano pasado e este. Queremos que haxa unha rebaixa importante de xornada, estamos practicamente na máxima, e incorporación de días de libre disposición. Creo que con iso estariamos bastante perto de chegar un acordo", manifestou Ernesto López, membro do comité de folga.

Catro meses de conflito ante a inacción da Xunta da Galiza

A aceptación da mediación por parte da patronal do transporte abre unha porta, até o de agora fechada, que se concretará a vindeira segunda feira na constitución dunha mesa de negociación. Porén, as críticas ao papel da Xunta da Galiza durante todo este tempo mantéñense. Esta quinta feira mesmo, nunha concentración de traballadores e traballadoras de autobús ante a estación intermodal de Compostela, condutores incidían en denunciar que a Administración galega "se puxo de perfil". Así o apuntaba, por exemplo, Hugo Antunes, chofer dunha liña interurbana, que apuntaba que "o conflito dura tanto porque a Administración non exerce as súas competencias". De feito, e após as e criticas durante as últimas semana cara ao Goberno galego por esa "inacción", o conselleiro de Presidencia [departamento con competencias en transporte], Diego Calvo, instaba esta cuarta feira a sindicatos e patronal a "buscar unha solución". 

A Xunta é a principal contratista das liñas de autobús, ao que se engade que como Administración ten un papel como reguladora do sector coa obriga de velar pola competencia e, finalmente, podería actuar como autoridade laboral na Galiza en materia de negociación colectiva.