Condenada a 18 meses de cárcere a ex coordinadora do SAF de Boiro por malversación
Deberá pagar ao Concello 13.669,68 euros en concepto de indemnización, e un total de 7.327,86 euros ás persoas afectadas ou aos seus sucesores.
A sección sexta da Audiencia Provincial da Coruña condena, de conformidade co veredicto do Tribunal do Xurado, a un ano e medio de cárcere á antiga coordinadora do Servizo de Axuda no Fogar (SAF) de Boiro (O Barbanza) como autora dun delito continuado de malversación de fondos públicos. Tamén a inhabilita durante catro anos e seis meses para o emprego público de asistente social do Concello de Boiro e para calquera outro emprego ou cargo público relacionado coa atención de persoas maiores ou vulnerábeis.
Ademais, imponlle o pagamento dunha multa de 3.370 euros por cometer un delito continuado de exaccións ilegais e, por este delito, suspéndea do exercicio do emprego público de asistente social do Concello de Boiro e de calquera outro emprego ou cargo público relacionado coa atención de persoas maiores ou vulnerábeis durante 20 meses e 7 días.
En ambos os casos a Audiencia Provincial ten en conta a atenuante moi cualificada de dilacións indebidas. En concepto de indemnización, deberá pagar ao Concello de Boiro 13.669,68 euros e un total de 7.327,86 euros ás persoas afectadas ou aos seus sucesores.
Feitos constatados na sentenza
A condenada, segundo consta na sentenza, á que tivo acceso Nós Diario, desempeñou o posto de asistente social como persoal laboral do Concello de Boiro desde febreiro do 1994 até agosto de 2015. O seu traballo incluía a realización de xestións do SAF e, desde 2013 até o seu despedimento, actuou como coordinadora do SAF.
A acusada, tal e como considerou probado o Tribunal do Xurado, non ingresou na tesouraría municipal sumas de cartos que lle entregaron persoalmente a ela ou a algunha das persoas que traballaban no SAF, que á súa vez lle entregaron o diñeiro á condenada seguindo as súas instrucións, persoas usuarias, ou ben directamente ou ben a través das persoas próximas que xestionaban os seus intereses, e incorporounas ao seu patrimonio.