Debate dos orzamentos de 2026

A CIG protesta ante o Parlamento para reclamar á Xunta melloras laborais e salariais do funcionariado

Mobilización da CIG este 16 de decembro ante o Parlamento galego. (Foto: Nós Diario)
O secretario nacional de CIG Administración, Luis Carballo, pediu avances na Administración galega, como estabelecer a xornada de 35 horas, así como a eliminación da limitación para a contratación de persoal interino que "impide crear emprego e ofrecer un servizo de maior calidade".

A CIG concentrouse esta terza feira o Parlamento da Galiza, coincidindo co debate dos orzamentos galegos para 2026, para reclamar melloras laborais e salariais do persoal público.

Ás 11 horas, un grupo de sindicalistas protestou na rúa do Hórreo tras unha pancarta na que se podía ler 'Recuperar dereitos. Recuperar salarios'.

En declaracións a Europa Press, o secretario nacional de CIG Administración, Luis Carballo, pediu avances na Administración galega, como estabelecer a xornada de 35 horas, así como a eliminación da limitación para a contratación de persoal interino que "impide crear emprego e ofrecer un servizo de maior calidade", ademais dunha recuperación de nove días de asuntos particulares que se eliminou na lei de acompañamento de 2012.

Aliás, o sindicato denuncia unha perda do 20% do salario do persoal público nos últimos anos, polo que se require unha cláusula de aumento conforme ao IPC, para o que se presentarán sinaturas con esta petición en xaneiro.

Entre outras cuestións, demanda que haxa un orzamento "suficiente" para a contratación de persoal en educación, pois advirte de que se segue "cos mesmos" efectivos que "hai anos", do mesmo modo que máis fondos para o fomento da lingua galega.

Outro punto sobre o que chamou a atención foi reclamar unha partida para financiar quendas e a perigosidade que se dan nalgúns postos, debido a que "sentenzas din que teñen que incluírse en pagas extras en baixas de persoal".