A CIG promove unha recollida de sinaturas demandando continuar coa negociación do convenio das conservas de peixe

Asemblea de persoas delegadas da CIG no sector da conserva de peixe, este 26 de xaneiro. (Foto: Nós Diario)

A central sindical denuncia que tras a "traizón" de CCOO e UXT, que asinaron unha acta de aprazamento, a convocatoria de folga prevista carece de validez legal.

A asemblea de persoas delegadas da CIG nas conservas de peixes e decorrida esta segunda feira en Vilagarcía de Arousa (O Salnés) decidiu promover unha recollida de sinaturas entre as representantes sindicais do sector para trasladalas á xuntanza da mesa de negociación do convenio do 2 de febreiro como "medida de presión" para continuar coas conversas. No encontro, que tivo lugar no Auditorio Municipal, tamén se acordou desenvolver unha concentración diante da sede da Confederación de Empresarios de Pontevedra (CEP) en Vigo coincidindo coa reunión da comisión negociadora ás 12 horas.

Por outra banda, a CIG denuncia que tras a "traizón" de CCOO e UXT, que asinaron unha acta de aprazamento das mobilizacións tras a proposta de convenio da mediación, a convocatoria das dúas xornadas de folga previstas para esta terza feira, 27 de xaneiro, e para a cuarta feira 28 "carece de validez legal".

Ao longo desta semana a central sindical procederá a recoller os apoios do maior número de persoas delegadas das distintas empresas do sector das conservas en todo o país, tanto para expresar o seu desacordo coa última proposta de convenio como para reclamar da parte social que non proceda á súa ratificación para que poidan continuar as negociacións.

"As persoas que asinamos o presente escrito non nos sentimos representadas por quen decida asinar o novo convenio nesas condicións, pois a proposta non recolle nin de lonxe as pretensións das persoas traballadoras e queda moi afastada do obxectivos que nos tiñamos marcados para a presente negociación", tal e como se recolle no prego de sinaturas. De feito, trátase dunha proposta que "empeora" a última achegada pola patronal e que supón "un retroceso en dereitos laborais con respecto ao anterior convenio".

A pesar disto, explican desde os servizos xurídicos da CIG, os sindicatos CCOO e UXT "decidiron romper a unidade de accións sindical" asinando un acta de aprazamento das mobilizacións, optando por "non participar na manifestación deste pasado sábado" e deixando "sen validez legal" a convocatoria de folga prevista.