A CIG denuncia na rúa as "políticas lesivas" que a Xunta impulsa da man dos Orzamentos para 2016

A manifestación percorreu as rúas de Compostela. (Foto: Nós Diario)
Centos de delegados e delegadas maniféstanse en Compostela.

Centos de delegados e delegadas da CIG mobilizáronse esta cuarta feira nas rúas de Compostela para denunciar as "políticas lesivas" para a clase traballadora e para a Galiza que amparan os Orzamentos da Xunta da Galiza para 2026, actualmente en trámite no Parlamento. Desde alí, da Cámara galega, partiu a nutrida mobilización que percorreu a capital para rematar ante a sede central da Xunta, en San Caetano, onde representantes de diferentes sectores laborais deron lectura de forma coral ao manifesto.

"Denunciamos estes orzamentos da Xunta, que amparan a mercantilización e privatización dos servizos públicos, que non contemplan nada para frear a desertización industrial, e que todo o fían á eucaliptización e a un turismo masivo e salvaxe", manifestou Paulo Carril, secretario xeral da CIG, ante as portas do Parlamento momentos antes de arrancar a manifestación. "Un Parlamento ao que o PP quere facer correa de transmisión dos consellos de administración das grandes empresas", engadiu Carril, para quen as contas xerais para 2026 "son peores do esperado, e cunha Lei de Acompañamento que aínda as empeora máis".

O secretario xeral do sindicato nacionalista denunciou a "negativa" do Goberno galego a admitir un marco galego de relacións laborais e apuntou que como principal sindicato da Galiza "a CIG tiñamos a obriga de nos mobilizar contra as políticas lesivas para este país" do Executivo que preside Alfonso Rueda e os seus orzamentos. "Seguimos a defender unha Galiza con dereitos, traballo digno e igualdade", concluíu, unha Galiza afastada  de "todas esas políticas do PP que son a versión galega de Díaz Ayuso".

"A forza que impulsa o cambio social"

A mobilización finalizou ante a sede central da Xunta da Galiza, en San Caetano, após percorrer algunha das vías principais da capital da Galiza. Alí, 12 traballadores e traballadoras de diferentes sectores deron lectura ao manifesto, no que se  reivindicou un país "con traballo digno".

"A Galiza que queremos non pode vivir baixo a precariedade, a explotación laboral, o abandono dos sectores produtivos e o desmantelamento dos servizos públicos", dixo Dolores Simón, traballadora nunha residencia de maiores.

Para Maica Dono, do sector do transporte, "a consolidación dos servizos públicos é fundamental para que todas as persoas poidan acceder aos recursos necesarios e vivir con dignidade, independentemente da súa condición ou procedencia". Juan Serantes, da construción, afirmou que "un emprego digno require un marco regulador que defenda os convenios colectivos e potencie a negociación aquí, un marco galego de relacións laborais".

Tamén tomaron a palabra Iria Mariño,, do sector do ensino, e Ana Lestón, secretaria nacional de CIG-Saúde, para defender a importancia de se blindar contra a precariedade e a privatización. Tomaron a palabra no acto portavoces de sectores como o da automoción, a limpeza hospitalaria, o Servizo de Axuda no Fogar (SAF) ou Bombeiros e Bombeiras forestais, entre outros. "A loita da clase traballadora é a forza que impulsa o cambio social. Só mediante organización, mobilización e reivindicación colectiva será posíbel avanzar en dereitos laborais, igualdade social e dignidade para todas as persoas na Galiza", concluíu Ana Gavín, bombeira forestal.