A CIG denuncia "descontrol" nos caladoiros do Sáhara e Mauritania, onde afundiu un pesqueiro con tripulación galega
"Cada vez prodúcense máis accidentes entre barcos grandes e pequenos", explicou Xavier Aboi, da FGAMT da CIG, incidentes como o que na sexta feira provocou o afundimento do Tafra 3.
A CIG denunciou esta segunda feira "descontrol" e a "falta de seguridade" nos caladoiros do Sáhara e Mauritania, lamentando que os incidentes entre pequenos e grandes buques como o ocorrido a pasada sexta feira "son cada vez máis habituais".
Nun comunicado, a central sindical asegurou que o sucedido "non foi casualidade nin algo illado", xa que nos últimos tempos este tipo de altercados "son cada vez máis habituais".
"De feito, o propio día do sinistro outros barcos que estaban pola zona estiveron tamén a piques de chocar", explicou Xavier Aboi, da Federación Galega de Alimentación, Transporte e Mar (FGATM) da CIG.
Segundo el, detrás disto está a decisión de Mauritania e Marrocos de vender licenzas privadas de explotación a países como China, Rusia, Gambia, Turquía ou Alxeria, "unha vez a frota galega foi expulsada destes caladoiros".
"A Unión Europea permite que estes buques factoría arrasen con todo, mentres catro barcos galegos quedaron fóra do acordo pesqueiro porque os caladoiros estaban moi mal", criticou.
Aboi indicou que o propio barco que sufriu o accidente a pasada sexta feira faenaba na zona baixo o nome de Praia de Loureiro cando pertencía a unha firma de Bueu (O Morrazo), que en 2021 optou por exportalo a unha empresa mauritana ao carecer de licenza de pesca.
"Agora traballan sen ningún tipo de control, seguridade nin formación porque a Marrocos e a Mauritania dálles igual o que fagan as empresas ás que lle venden as licenzas, e cada vez prodúcense máis problemas entre barcos grandes e pequenos", insistiu.
Un accidente con boa visibilidade e mar en calma
Todo iso despois de que a pasada sexta feira o buque factoría Right Whale, de 105 metros de eslora e bandeira de Gambia, chocase co Tafra 3 —antes Praia de Loureiro—, con pavillón de Mauritania e capital galego, deixando cinco desaparecidos e 21 mariñeiros rescatados, entre os que había dous galegos e un español. Non transcenderon aínda as causas do accidente, que tivo lugar con boa visibilidade e co mar en calma.
O patrón do barco que provocou o afundimento do Tafra 3 permanece arrestado polas autoridades mauritanas após prestar declaración no marco da investigación aberta para esclarecer as causas do incidente. Descoñécense, con todo, os cargos polos que foi retido o capitán, de orixe lituana.