CIG e a central vasca ELA exixen garantir o poder adquisitivo do persoal de Iberdrola
As centrais sindicais mobilizáronse esta quinta feira ás portas do Parlamento galego, coincidindo co debate da Proposición non de Lei tramitada polo BNG.
A CIG e a central vasca ELA mobilizáronse esta quinta feira ás portas do Parlamento galego, coincidindo co debate da Proposición non de Lei tramitada polo BNG, para obrigar as empresas que operan na Galiza que xestionan grandes concesións e autorizacións administrativas, “explotan recursos naturais e reciben subvencións ou bonificacións fiscais” garantan unha suba salarial mínima a IPC “para preservar o poder adquisitivo do persoal e protexer a economía do noso país”.
A iniciativa chega despois da xuntanza desenvolvida en decembro do ano pasado por Fran Puch (CIG) e Gorka López del Corral (ELA) cos portavoces de emprego, enerxía e industria do BNG no Parlamento galego para explicarlles a situación de “perda de poder adquisitivo que padecen as persoas traballadoras en Iberdrola”. Durante o encontro, os representantes sindicais propuxeron unha serie de medidas para solucionar esta problemática, que o BNG incorporou á Proposición non de Lei que se somete a debate na comisión 3ª de Economía e Orzamentos da Xunta da Galiza.
As centrais sindicais reclaman que a Xunta promova ante o Goberno estatal a extensión desta medida ao conxunto do Estado mediante a reforma da lexislación laboral e de contratación pública correspondente.
A CIG sinalou que de conseguir esta demanda “melloraríase a situación salarial doutras 45.000 persoas traballadoras de 150 empresas que operan no noso territorio, segundo datos da Axencia Tributaria e do Instituto Galego de Estatística”. Ao tempo que indicaron que se” facilitarían en gran medida as actuais e futuras negociacións colectivas”. “Temos que deixarlle claro aos representantes políticos a nosa disposición a loitar para que tomen nota das nosas reivindicacións e deteñan o abuso e o espolio que sufrimos por parte do equipo directivo da empresa”, rematan.