A CIG alerta do risco para a saúde que implica a falta de titulación que aprobou a Xunta en comedores
A CIG-Administración Autonómica presentou onte unha queixa ante a Valedora do Pobo, en Santiago de Compostela, solicitando que interveña para que a Consellaría de Educación, Ciencia, Universidade e FP negocie "unha saída xusta á chapuza da funcionarización que artellaron" e que supuxo, segundo a central sindical nacionalista, "unha rebaixa profesional das escalas de cociña".
A decisión da Xunta da Galiza, asegurou a CIG, "deixou as cociñeiras e os cociñeiros dos comedores escolares na escala do subgrupo C, polo que nas novas contratacións só se exixe o título da ESO e non unha formación técnica específica na materia". Esta circunstancia denunciouna a secretaria nacional da CIG-Autonómica, Zeltia Burgos, ante os medios de comunicación ás portas da sede da Valedora apuntando, ademais, que as dietas especiais, intolerancias, control de alérxenos, seguridade e hixiene alimentaria "non están garantidas nos comedores escolares públicos da Xunta, por colocar o persoal C2 como responsábel das cociñas dos centros".
Outra das consecuencias da medida adoptada polo Administración galega, indicou Zeltia Burgos, é "debilitar a calidade dun servizo público fundamental para familias e crianzas e pondo do en risco a súa saúde e nutrición".
Asignación "sen criterios"
Para a CIG, o problema vén derivado da incorrecta clasificación do persoal no grupo que lle correspondería por titulación, o ciclo superior de cociña no grupo B e o ciclo medio de cociña no C1. Por iso, Burgos denunciou que a creación de prazas e a asignación de escala "fixéronse sen criterios obxectivos en base á carga de traballo".
Ante a negativa da Consellaría a negociar e rectificar, a CIG acordou dirixirse á Valedora do Pobo para requirirlle "que inste a buscar unha solución urxente xa que, ademais do anterior, as cociñas e comedores públicos teñen a obriga de implantar un sistema de Análise de Puntos de Control Críticos (APPCC) e un Programa de Seguridade Alimentaria que inclúe a rastrexabilidade dos alimentos e boas prácticas na manipulación". Burgos apuntou a contrariedade que supón que a Consellería proclame que a FP na Galiza "é unha prioridade estratéxica cando prefire contratar persoas sen titulación técnica".