CCOO rexeita a última proposta da patronal sobre o convenio no transporte de viaxeiros por estrada na Coruña

Un bus de servizos mínimos durante a folga, o pasado 11 de febreiro, na estación de Compostela. (Foto: Arxina)
Sinalan que non "satisfai as expectativas das persoas traballadoras afiliadas ao sindicato" e que nos vindeiros días terá lugar un encontro entre todas as partes implicadas no que se asinará a acta final da mediación sen acordo.

A Federación de Servizos á Cidadanía de CCOO na Galiza decidiu esta segunda feira, 23 de febreiro, rexeitar a última proposta da patronal do transporte de persoas viaxeiras da provincia da Coruña, de forma que "se porá fin á negociación levada a cabo nos últimos meses no Consello Galego de Relacións Laborais sen asinar un novo convenio colectivo", sinalaron desde o sindicato.

"Despois de consultar coa afiliación a última proposta feita pola parte empresarial na reunión do venres, día 20, CCOO aposta por non asinala, xa que non satisfai as expectativas das persoas traballadoras afiliadas ao sindicato, que foron consultadas ao longo da fin de semana. Nos días vindeiros terá lugar un encontro entre todas as partes implicadas no que se asinará a acta final da mediación sen acordo", destacaron.

Isto ocorre na xornada posterior a que centos de traballadores e traballadoras, convocados pola CIG, se manifestasen polas rúas de Compostela para reclamar "un convenio digno" e para rexeitar o preacordo subscrito no seu momento pola patronal e os sindicatos CCOO e UXT, pero que non contou co apoio maioritario do persoal.

No caso de UXT, asinou na sexta feira un acordo de eficacia limitada, segundo informou nun comunicado no que aseguraba que con iso se "desbloqueaba" un conflito que se atopaba xa "nunha dinámica de desgaste, incerteza e confrontación crecente". Coa firma do acordo de eficacia limitada, UXT lembrou que cada traballador ou traballadora poderá decidir "libremente" se se adhire ao convenio asinado por este sindicato. Do mesmo, destaca a inclusión de "melloras" laborais e salariais respecto ao preacordo subscrito.

A proposta de CCOO

CCOO mantén a súa última proposta de sete puntos, realizada na penúltima reunión, o 12 de febreiro, como forma de "desbloquear o conflito". O sindicato propón mellorar a redacción do texto para que quede ben determinado cando é xornada continua e cando partida, por mor do cobro da axuda de banda horaria ou, se for o caso, do plus que ofrece a parte empresarial. "Este punto non pode deixar lugar a dúbidas para as persoas traballadoras e tamén ten que quedar claro como vai ser para o persoal con servizos de discrecional", concretaron.

No tocante á xornada das persoas acompañantes, CCOO "quere que empece a computar desde que soben ao autobús até que baixen, e sempre garantindo contratos dun mínimo de dúas horas ao día. Sobre os festivos, a proposta estabelece que se aboen cun incremento de 75%, de acordo co Decreto 2001, artigo 47. Tamén que nos días especiais —24, 25 e 31 de decembro e 1 de xaneiro— o incremento sexa de 125% do salario base e mais os pluses non variábeis ou o descanso equivalente".

>No texto de Comisións Obreiras tamén figura que a xornada sexa de 1.800 horas e subir dous días do que hai no convenio os días de asuntos propios, amais de que os cuadrantes de xornada e os descansos se publiquen con 30 días de antelación. Aliás, CCOO propón unha suba salarial de 3,5 % para 2025 e de 4 % para 2026, e que a xubilación parcial por contrato de remuda sexa a elección das persoas traballadoras.