Carta aberta aos empresarios do sector dos coidados

Mobilización do persoal do sector dos coidados, este 24 de setembro. (Foto: Arxina)

Promoven esta carta en nome das persoas traballadoras de coidados M.ª Rosa Couto Carreiro (Traballadora do Servicio de Axuda no Fogar), Dolores Simón Graña (Traballadora de Residencias) e Rosa Manuela Vilán Costas (Traballadora de Centro de Día).

Estimados Sres/as Empresarios/as do sector dos coidados:

As Traballadoras do sector dirixímonos a vostedes por medio da presente, co único fin de esixir que se senten a negociar os convenios do Servizo de Axuda no Fogar (SAF) e de Residencias privadas de Maiores, que abrangue tamén os Centros de Día.

Recordarlles como ben saben que estes convenios están vencidos dende o 2012 no caso do SAF e dende 2024 ano no caso de Residencia e Centros de Día. Creemos que xa é tempo máis que suficiente, para que se negocien uns convenios con condicións laborais e salariais dignas, porque esta a vista de toda a sociedade galega que están obsoletos, e non corresponden as necesidades do sector, nin a realidade que demanda a sociedade na actualidade.

Vostedes mesmos son conscientes da gravidade que isto implica ao non atopar traballadoras para as súas empresas motivada pola precariedade laboral con salarios por baixo do SMI. Estamos convencidas que é o momento de regular esta situación e dignificar a profesión dos coidados. Triste é que vostedes esquezan tamén que a súa actividade empresarial, prestan un servicio social con cartos públicos, co que se lle presupón que están a altura para manter os coidados das persoas beneficiarias no centro dos seus intereses, como saben non hai outra forma de alcanzar ese compromiso se non é cuns convenios dignos e uns salarios xustos. Coidando a quen coida.

Todos estes anos de traballo con convenios precarios e sen negociar, as traballadoras seguimos sostendo o benestar de miles de persoas e familias, as traballadoras seguimos co noso compromiso para dar o mellor de nós mesmas, pondo o noso corpo e a nosa mente o servicio das empresas, para que a persoa coidada teña a calidade garantida no servizo.

Ese compromiso levado a cabo sen recursos deteriora o noso corpo, a nosa mente, e precariza a nosa prestación do servizo, véndonos obrigadas a vivir entre a enfermidade e a pobreza, pobreza coa que cubrimos os gastos propios da actividade laboral, como o mantemento do noso vehículo, que poñemos a disposición das vosas empresas.

Unha magoa é que tamén esquezan a sobrecarga de traballo que levamos enriba das nosas costas, as xornadas incompatibles coa vida familiar, de ocio, de autocoidado, asumindo tarefas que non nos competen pola nosa formación, como a atención a persoas usuarias, con patoloxías psiquiátricas, poñendo en perigo a nosa saúde e a nosa seguridade.

Na pandemia da COVID púxose en valor a nosa profesión a vista da xente, etiquetándonos daquela como esenciais, sempre o fomos e sempre o seremos, mentres a sociedade necesite coidados. Polo tanto e por todo isto, instámoslles a volver a mesa de negociación con vontade de negociar e non de impor.

Agardando a súa resposta, remitímoslles un saúdo.

Santiago de Compostela, 24 de Setembro de 2025