A CIG suspende a folga no sector do autobus da Coruña "ante a traizón de UXT e a indefinición de CCOO"
A CIG organizou na noite desta quinta feira unha serie de asembleas de traballadoras e traballadores do sector do transporte de persoas viaxeiras por estrada da provincia da Coruña para determinar os pasos a seguir logo do encontro entre os sindicatos que viñan demandando melloras laborais —alén da central nacionalista, UXT e CCOO— coa patronal. Unha reunión da que UXT marchou manifestando a súa conformidade cos termos preacordados previamente coa parte empresarial e propondo que os traballadores que tamén estimen o pactado como satisfactorio poidan adherirse de forma individual a ese novo convenio.
Para a CIG, UXT "consumou a traizón da sinatura do acordo", mentres CCOO aínda non decidiu se asina ou non, logo do rexeitamento maioritario entre o persoal afectado. E ante "o inaudito da situación e a imposibilidade de que a folga cumpra o seu obxectivo neste escenario", o persoal afiliado á CIG acordou suspender o paro indefinido dese esta mesma sexta feira, á espera de que CCOO aclare a súa postura.
Na reunión da mediación desta quinta, UXT accedeu a asinar un convenio de eficacia limitada en base ao preacordo existente —rexeitado en referendo por até 70% do persoal do sector— e abandonou o encontro ao pouco de comezar, se ben aínda non rubricou o pacto coa patronal. "Apostar por un convenio de eficacia limitada, é dicir, por un convenio con inseguridade xurídica porque non conta co aval da maioría da representación sindical, provoca unha situación caótica no sector", advirten desde o sindicato nacionalista.
"Esta proposta de UXT haina que contextualizar na desesperación de imporlle ás traballadoras e traballadores un acordo inxusto, logo de dous meses de conflito, 12 xornadas de folga e dun referendo que arroxou un resultado incontestábel contra as condicións pactadas. Supón unha grave ameaza para todo o sector e un aviso do que pode pasar se non hai outro sindicato que asine ese convenio para darlle eficacia xeral", engade a CIG.
Pola súa parte, os representantes de CCOO acudiron cunha nova proposta e pedindo aclaracións sobre varias materias á patronal, que quedou en dar unha resposta. En función desa contestación CCOO decidirá se asina ou non o acordo, mais sen que as partes se desen un prazo concreto nin quedase fixada nova data de reunión. Para a CIG, que cualifica as posicións dos outros dous sindicatos de "irresponsabilidade absoluta", "isto significa prolongar a incerteza sobre o conflito sen ningunha garantía de que o convenio que se asine non será o preacordo rexeitado e enterrado polo persoal".
"Todos estes movementos danse en resposta á firmeza, á determinación e á capacidade de organización demostrada polos traballadores e traballadoras na demanda dun convenio xusto. E veñen destapar e deixar ao descuberto o entreguismo sindical ante a mafia patronal que controla este sector, personificada no Grupo Monbus e no seu presidente, Raúl López, en perfecta sintonía co Goberno da Xunta de Galiza", proseguen desde a central sindical nacionalista.
Todo isto "nun contexto de vaga represora contra a loita obreira a través das intervencións policiais e da apertura de expedientes sancionadores ao persoal". "Estase pretendendo afogar a folga mediante unha actuación policial represiva desmedida ao ditado dos intereses patronais e aproveitando a impunidade que permite a lei mordaza. Estas intervencións brutais constitúen un ataque á liberdade sindical, ao dereito fundamental á folga e á mobilización da clase traballadora polo dereito a ter unhas condicións de vida dignas, ao que a CIG dará cumprida resposta a todos os niveis", conclúen.