Anuncian conflito colectivo en Nova Pescanova contra o convenio estatal

Dores Martínez (abaixo terceira pola esquerda) onte na rolda. (Foto: Nós Diario)
O persoal reunirase o domingo para avaliar medidas ante a postura da compañía. 

Responsábeis da CIG, CUT e USO anunciaron esta cuarta feira a presentación de conflitos colectivos nos centros de traballo de Nova Pescanova na Galiza contra a intención da empresa de implantar un convenio colectivo de grupo a nivel estatal que elimine os convenios dos centro de traballo de Chapela, en Redondela, e O Porriño (comarca de Vigo) e Arteixo (comarca da Coruña). As tres centrais impugnarán, ademais, a mesa constituída pola compañía por entender que “afasta a negociación das persoas afectadas”.

Neste sentido, o domingo terán unha asemblea aberta en Redondela (comarca de Vigo) para abordar os plans da empresa e decidir as medidas a adoptar na defensa das condicións laborais do persoal. 

A secretaria nacional da FGAMT-CIG, Dores Martínez, denunciou en rolda de prensa que a empresa pretende cambiar as unidades de negociación “históricas” dos centros e censurou que o proceso inclúe un “irregularidades”, xa que os centros de traballo galegos afectados tiñan convenios propios, cuxa vixencia rematou o 31 de decembro de 2024.

En outubro, os comités procederon a denunciar os convenios e a promover un novo proceso de negociación e a empresa, o 15 de novembro, emprazounos a adiar a negociación até xaneiro alegando a maior carga de traballo pola campaña de Nadal.

"É lamentábel que o que nos atopamos logo desta comunicación sexa a intención da empresa de promover un convenio colectivo totalmente diferente", sinalou a responsábel sindical que adiantou que as centrais impugnarán diante da Audiencia Nacional a mesa de negociación constituída o 27 de xaneiro en Vigo para promover o convenio de grupo a nivel estatal. 

Versión da empresa

Fontes de Nova Pescanova afirman que a intención de expor dotarse dun único convenio é lograr que o persoal de todos os centros teña condicións "equitativas e homoxéneas sen prexuízo de que se valoren as necesidades específicas de determinados centros".