15% das 11.400 vacantes en empresas galegas non se cobren polas condicións económicas do posto

Traballadores nunha cadea de montaxe. (Foto: M. Arrazola)
24,3% dos casos as persoas que se postularon non viron idóneas outras circunstancias do emprego.

Case 15% das case 11.400 vacantes en empresas galegas non se cubriron porque as persoas candidatas non consideraron apropiadas as condicións económicas do posto, mentres que en 24,3% dos casos as persoas que se postularon non viron idóneas outras circunstancias do emprego.

Así se desprende da enquisa sobre vacantes en empresas galegas e o grao de utilización da capacidade produtiva da Galiza publicada esta sexta feira polo Instituto Galego de Estatística (IGE).

En concreto, no primeiro trimestre de 2025 había até 11.385 postos libres en compañías galegas de máis de 10 empregados, un 0,23% máis que no mesmo período do ano pasado.

Destas, 36,5% non se cubriron por non ter os candidatos a formación apropiada, sen ter en conta as capacidades dixitais ou as titulacións de Ciencia, Tecnoloxía, Enxeñería e Matemáticas (STEM, polas súas siglas en inglés).

Precisamente había na Galiza até 2.871 vacantes STEM, e case 23% delas non se cubriron por falta de titulación.

En canto á utilización da capacidade produtiva, 58,7% das empresas empregas as súas instalacións, máquinas ou equipamento en máis de 75%. Unha porcentaxe que baixou respecto ao primeiro trimestre de 2024, cando era de 59,8%.

24,34% utiliza as súas posibilidade entre 50% e 75% e 7,14% por baixo de 25%. No que se refire ao grao de ocupación do persoal, 65,3% das firmas empréganos en máis do 75%.