"100% do persoal" das contratas de Inditex secunda a primeira xornada de folga
Segundo trasladaron fontes sindicais, "100% do persoal" de Sodexo, Samsic e Veolia –tres das principais contratas de Inditex que agrupan unhas 300 persoas– iniciou esta quinta feira un calendario de folgas e paros parciais ante a imposibilidade de chegar a un acordo "digno" para mellorar as condicións salariais e laborais.
"A folga está sendo un éxito rotundo xa que non entrou a traballar ningunha persoa destas tres contratas, polo que no día de hoxe [esta quinta feira] non hai servizo de comedor nin limpeza nas instalacións de Inditex en Arteixo (comarca da Coruña)", salientaron as mesmas fontes.
Neste contexto, a multinacional téxtil anunciou ao seu propio persoal que non habería servizo de comidas esta quinta feira, nin tampouco esta sexta feira, ao estar convocado tamén un paro laboral das 9.30 ás 12.30 horas. Aínda que no servizo de mantemento o seguimento tamén foi de practicamente 100%, a afectación no funcionamento xeral é menor xa que o persoal de Veolia só se ocupa de parte da actividade.
Paros en Narón
As traballadoras e os traballadores do comedor das instalacións de Inditex en Narón (Ferrolterra) –Indipunt e Pull&Bear–, irán á folga a próximo segunda feira, 12 de maio, en todas as quendas laborais.
O apoio unánime á folga reflectiuse na elevada participación na concentración realizada diante da sede da multinacional en Arteixo. Ao berro de "traballo para Inditex e non chego a fin de mes", os cadros de persoal evidenciaron "a súa disposición a loitar por uns salarios xustos acordes coa grande empresa para a que prestan servizos, que fechou o ano 2024 con cifras récord en vendas e beneficios".
"Negativa de Inditex a aumentar os orzamentos"
Roberto Pérez, secretario comarcal da CIG-Servizos, denunciou que as negociacións para a renovación dos pactos de melloras que se aplican ao persoal destas auxiliares "están estancadas pola negativa de Inditex a aumentar os orzamentos que destina ás contratas". Ante "o estancamento da negociación e a imposibilidade de chegar a acordo", as asembleas valorarán a posibilidade dunha convocatoria de folga indefinida.