''O que non se nomea non existe'': de paseo pola memoria das mulleres

Mulheres nacionalistas galegas vén de organizar para este sábado, 15 de decembro, o roteiro 'Sons de mulleres'. Desde a xinecóloga Olimpia Valencia López até a pedagoga Antía Cal, pasando por espazos creados para combater a violencia machista, oficios feminizados como o das cesteiras, e lugares onde elas se xuntaban e ían tecendo as súas redes, como o mercado ou o tanque do lugar, son 15 as paradas que fan visíbeis as súas achegas


Un roteiro polo casco histórico de Vigo con quince paradas obrigadas: aquelas en que as mulleres deixaron a súa pegada contribuíndo á identidade da cidade e da Galiza, e que foron silenciadas pola historia. Desde a xinecóloga Olimpia Valencia López até a pedagoga Antía Cal, pasando por espazos creados para combater a violencia machista, oficios feminizados como o das cesteiras, e lugares onde elas se xuntaban e ían tecendo as súas redes, como o mercado ou o tanque do lugar.

É esta unha síntese do proxecto 'Sons de mulleres', unha achega de Mulheres nacionalistas galegas que o colectivo porá en marcha este sábado na cidade olívica onde, como en tantos outros lugares, "tamén se vive de costas á visibilización delas". Por isto, en MNG entenden que "é de xustiza facer este recoñecemento, xa que o que non se nomea non existe, para que a memoria e a historia recoñezan o protagonismo que corresponde ás mulleres". O roteiro arrincará ás 12 do mediodía desde o punto 15. Aquí abaixo colocamos o percorrido completo.