A Xustiza mantén en prisión provisional o condenado pola violación da Travesía de Vigo que fuxira á República Dominicana

Miguel Ángel Wilson, nunha imaxe difundida pola Policía Nacional da República Dominicana. (Foto: Europa Press)

A Audiencia de Pontevedra subliña o "elevado risco de fuga" tras comprobar que abandonou o Estado español malia telo prohibido e carecer de pasaporte.

A sección quinta da Audiencia Provincial de Pontevedra, con sede en Vigo, confirmou esta terza feira a prisión provisional, comunicada e sen fianza, do home condenado por unha violación na Travesía de Vigo e extraditado recentemente desde República Dominicana. A medida fora acordada a pasada sexta feira polo Xulgado de Instrución número 31 de Madrid, de gardas de incidencias.

A Sala, que celebrou a comparecencia por videoconferencia, destaca no auto "a gravidade e natureza dos feitos axuizados polos que foi condenado" e lembra "a extensa duración das penas privativas de liberdade impostas", elementos que considera determinantes para manter a privación cautelar de liberdade.

Fuxiu con pasaporte dominicano

O tribunal salienta como feito "especialmente relevante" que o condenado abandonara o Estado español cando se encontraba en liberdade provisional e suxeito a medidas cautelares impostas o 11 de novembro de 2022 —e ratificadas en xaneiro de 2024—, entre elas, comparecer cada quince días e sempre que fose requirido; comunicar calquera cambio de domicilio; a prohibición de saír do territorio español, e a retirada do pasaporte.

Malia estas limitacións, o home abandonou o país. Foi detectado en maio de 2025 no aeroporto de Zúric nun voo procedente do Porto e con intención de embarcar cara a Punta Cana, portando un pasaporte dominicano. As autoridades suízas non o retiveron e continuou a viaxe, o que obrigou a solicitar formalmente a súa extradición o 19 de xuño de 2025.

Para a Audiencia, estes feitos constitúen "unha causa suficientemente razoábel" para acreditar un "elevado risco de fuga" e a posibilidade de que o condenado tente novamente subtraerse á acción da Xustiza.

Prisión provisional até que a sentenza sexa firme

A Sala acorda, así, ratificar a prisión provisional, comunicada e sen fianza, tal como solicitaron o Ministerio Fiscal e a acusación particular. A medida manterase até que a sentenza adquira firmeza, cun límite máximo da metade da pena imposta —cinco anos e nove meses— e descontando o tempo xa cumprido en situación de preventiva por esta causa.