A Xustiza anula parte da LAT autorizada pola Xunta que afecta Castro Lupario
O Tribunal Superior de Xustiza da Galiza (TSXG) anulou parte do trazado dunha liña eléctrica de alta tensión (LAT) autorizado pola Xunta da Galiza, situado na contorna do Castro Lupario -entre Brión (comarca de Compostela) e Rois (O Sar)- e o Camiño Portugués a Santiago, debido á súa afectación a un territorio histórico e paisaxe cultural.
En outubro de 2023, o arquitecto Pedro de Llano, referente da arquitectura popular galega, recibiu de mans do presidente da Xunta, Alfonso Rueda, o recoñecemento á súa traxectoria nos Premios de Arquitectura da Galiza, un acto no que denunciou a "atrocidade" desta liña sobre o Castro Lupario e instou o Executivo a dar marcha atrás na autorización. O arquitecto definía Castro Lupario, xunto coa aldea de Angueira de Castro, como "unha das máis importantes paisaxes galegas”. Meses despois, De Llano renunciou ao premio ao non rectificarse o proxecto e para alertar dos danos ao patrimonio.
O TSXG entende que a contorna xeográfica pola que discorre a liña entre as torres 26 e 28, no que se atopan os elementos catalogados Pazo de Angueira de Castro, Castro Lupario, Pazo do Faramello e Camiño Portugués a Santiago, “debeu ser considerado e analizado na avaliación de impacto ambiental no seu conxunto, non só examinando os seus elementos individualmente”.
O TSXG, ademais, salienta que a Lei 5/2026, de Patrimonio Cultural da Galiza, protexe determinadas categorías de bens, aínda que non viñesen precedidos dun expediente administrativo. A xustiza considera que os bens patrimoniais afectados integran o concepto de territorio histórico do Camiño Portugués a Compostela e que o seu conxunto “integra materialmente valores apreciábeis desde a perspectiva da paisaxe cultural”.