A Xustiza amoesta a Xunta por negar acesso a expedientes sancionadores sobre plantacións ilegais de eucaliptos

Plantación de eucalipto nun monte galego nunha imaxe de arquivo. (Foto: Nós Diario)

Negou esta información a Adega.

O Tribunal Superior de Xustiza de Galiza (TSXG) vén de ratificar a sentenza do Xulgado contencioso-administrativo nº 2 de Lugo polo que se admite a demanda de Adega contra a resolución da Consellaría de Medio Rural que denega á asociación ecoloxista ser parte interesada en dous procedementos sancionadores relativos a plantacións ilegais de eucaliptos no concello de Begonte.

Con este fallo, contra o que xa non cabe recurso, Adega informa que “consegue de novo vencer nos tribunais a pretensión da Administración pública de dificultar o acceso á información contida en expedientes administrativos que afectan directa ou indirectamente ao medio ambiente galego”. 

O TSXG desestima o recurso de apelación presentado pola Consellaría de Medio Rural contra o fallo do xulgado contencioso-administrativo de Lugo que admite a demanda de Adega e obriga a Xunta a facilitarlle a esta entidade -nun período improrrogábel dun mes desde que a sentenza sexa firme- a información contida en dous expedientes sancionadores incoados por corta de árbores autóctonas e posterior plantación ilegal con eucaliptos, feitos que foron denunciados por ADega no ano 2017.

Este departamento aplica a Adega por defecto o silencio administrativo diante de calquera solicitude expresa de información

“O fallo do TSXG é especialmente relevante por canto confirma que Adega está totalmente lexitimada para ostentar a condición de interesada en todos aqueles expedientes sancionadores que teñan a ver con plantacións ilegais e, por extensión, con todos aqueles “feitos que comprometan directa ou indirectamente o medio ambiente”, indica o colectivo nun comunicado

A opacidade da xefatura territorial da Consellaría de Medio Rural en Lugo con respecto á tramitación das denuncias por cortas de arboredo autóctono e plantacións ilegais con eucalipto, afirma Adega, fíxose especialmente patente desde o nomeamento da alcaldesa de Triacastela, Olga Iglesias Fontal como Xefa Territorial en 2017.

“Desde entón, este departamento aplica a Adega por defecto o silencio administrativo diante de calquera solicitude expresa de información ou de personamento en expedientes administrativos relativos a infraccións por cortas ou plantacións ilegais efectuadas na provincia”