O Xurés rexistra 112 incendios desde 2016 que afectaron 42.000 hectáreas, 9.000 de áreas protexidas

Xurés.
A Administración galega cifra en 13 millóns de euros o impacto económico destes 112 incendios forestais

A área do parque natural Baixa Limia-Serra do Xurés sufriu un total de 112 incendios forestais desde o ano 2016 que afectaron 42.000 hectáreas -36.000 de masas arboradas e 6.000 de monte raso-, das cales, "aproxidamente 9.000 hectáreas" pertencen a áreas protexidas.

As cifras foron expostas polo director xeral de Defensa do Monte, Tomás Fernández Couto, en resposta a unha pregunta formulada na Comisión 7ª do Parlamento galego polo Grupo Socialista, que aproveitou para denunciar "o abandono á súa sorte" do parque natural do sur galego.

Na súa resposta, Fernández Couto sinalou que dos 112 incendios forestais que afectaron o parque ou os seus arredores, cinco pasaron o limiar das 500 hectáreas, polo que son considerados Grandes Incendios Forestais (GIF): un en Requiás -Entrimo- e o resto no Concello de Lobios -dous na parroquia de Río Caldo e outros dous en San Paio de Arouso-.

A Administración galega cifra en 13 millóns de euros o impacto económico destes 112 incendios forestais que nun 80% (90 lumes) foron intencionados, mentres que o 2,7% (3) producíronse por causas naturais, o 1,8% (2) por queimas autorizadas que se descontrolaron e o 5,3% (6) déronse por reproducións doutros incendios. En oito dosincendios as causas non foron esclarecidas.

Na súa comparecencia na Cámara, Fernández Couto volveu incidir en que "unha parte importante" dos incendios, particularmente os máis grandes, proceden do lado portugués da 'raia', onde se producen lumes "máis virulentos" que penetran en territorio galego con ventos de compoñente sur.

A isto engadiu que as propias características da zona do Xurés, cun relevo "tremendamente accidentado" mesmo "inaccesíbel a pé" nalgunhas partes, dificulta os traballos de extinción cando se dan incendios forestais, especialmente nas horas nocturnas cando non poden actuar os medios aéreos.

En canto ás tarefas de recuperación, o responsable de Montes da Xunta sinalou que xa se iniciaron os traballos en "distintas" zonas afectadas por incendio como é o caso de Lobios, onde se realizan tarefas de rehabilitación da área por un importe de 250.000 euros.