A Xunta volve negar que as choivas arrastrasen cinzas aos ríos malia as alertas recibidas

Courel Vivo compartiu imaxes da choiva arrastrando cinzas polas ladeiras do Courel. (Foto: Courel Vivo)
O Concello da Pobra do Caramiñal e veciñanza do Barbanza e O Courel denunciaran a presenza de cinzas nas augas.

As choivas dos últimos días na Galiza non provocaron, segundo volveu insistir nesta terza feira o Goberno galego, o arrastre de cinza procedente dos incendios do verán ao mar ou os ríos.

Así o vén de trasladar a Consellaría do Medio Rural a Europa Press, nunha xornada na que o país segue afectado pola influencia da borrasca ex-Danielle, que provoca o aviso amarelo por fortes choivas. No que vai de xornada, a máxima de precipitacións rexistrouse na Mezquita, con 35,2 litros por metro cadrado.

Paralelamente, o Goberno galego puxo en marcha diferentes accións para previr os arrastres en zonas afectadas polos incendios, tales como o mulching, consistente en botar palla sobre a terra queimada.

A polémica das cinzas

A pasada semana, a Xunta mobilizou diferentes medios ante o que identificou como un "arrastre de terra de camiños e sedimentos dos propios ríos" no Barbanza por mor das copiosas choivas.

Mais, segundo informaba Medio Rural, o persoal técnico do Centro de Investigación Forestal de Lourizán (CIF) "descarta" que o arrastre fose de cinzas do grande incendio forestal que tivo lugar no Barbanza o pasado mes de agosto.

Porén, desde o Concello da Pobra do Caramiñal apuntaban que as choivas "arrastraron as cinzas dos recentes incendios na comarca" a diferentes captacións de ríos, coa consecuente turbidez da auga.

Tamén Nós Diario recibiu o aviso de veciñanza da zona de que estes residuos estaban a chegar á auga dos ríos, que presentaba "un estado de turbidez pola saturación das cinzas arrastradas polas precipitacións".

"Á ría chegan partículas grandes e partículas microscópicas. As grandes, que están en suspensión, poden ser retiradas, pero as microscópicas forman unha capa no leito mariño que mata o marisco", sinalaba a este xornal Rita Míguez, mariscadora e presidenta da Asociación Nacional de Mulleres na Pesca (Amunpesca).