A Xunta sufraga máis de 45% das estancias nos hospitais privados da Galiza
A vintena de hospitais privados que hai na Galiza teñen no financiamento público unha das súas principais vías de ingresos, se non a principal. Teñan estes hospitais privados un concerto total co Sergas —caso de Povisa en Vigo—, un concerto parcial —A Rosaleda en Compostela— ou ben sexan dos 10 que carecen de concertos estábeis coa Consellaría de Sanidade, o financiamento público paga boa parte da súa actividade en cuestións como as estancias hospitalarias, as consultas ou a cirurxía maior ambulatoria. Así se recolle no informe Avaliación da sanidade privada no sistema sanitario de España, que vén de publicar neste mes o Ministerio de Sanidade.
Este estudo rexistra, con datos correspondentes a 2023, como máis da metade das cirurxías maiores ambulatorias que se realizaron nos centros privados da Galiza que non teñen concerto co Sergas foron pagadas con fondos públicos: 50,7%, mentres que o financiamento privado cubriu 49,3% restante. A Galiza é, após Estremadura, a segunda comunidade en porcentaxe onde máis cirurxía maior ambulatoria nos centros privados se financia con diñeiro público. Ese 50,7%, ademais, fica case 30 puntos por riba da media do Estado, onde só 21% desta actividade cirúrxica se paga con fondos públicos.
Esta drenaxe de fondos públicos cara á sanidade privada non se limita ás cirurxías ambulatorias. Tamén nas estancias hospitalarias estes centros privados dependen do diñeiro público. O informe do Ministerio apunta a que case a metade (45,9%) das estancias hospitalarias nos centros privados da Galiza sen concerto estábel coa Xunta págaas o Sergas. A media estatal fica por baixo de 35% polo que, outra vez, Galiza destina porcentualmente máis financiamento público a unha actividade da sanidade privada que a media das comunidades.
Consultas
O financiamento público tamén fornece unha parte importante das consultas rexistradas nos hospitais privados da Galiza, se ben en menor medida que as estancias e a cirurxía. Galiza é a segunda comunidade no Estado na que o financiamento público representa máis para os hospitais privados, perto de 19%, o que supón o duplo que na media estatal.
O informe tamén afonda noutros aspectos, para os que bota man dos datos do Barómetro Sanitario, como que en 2018 menos de 10% dos galegos e das galegas declaraba que acudira a un médico de cabeceira privado no último ano. Esa porcentaxe sitúase agora en 26,2%, é dicir, 16,8 puntos máis. Un aumento que, organizacións sindicais, profesionais e de persoas usuarias da sanidade pública levan tempo advertindo, atribuíndoa á escaseza de persoal e de medios na Atención Primaria.
Galiza é, canda Nafarroa, Estremadura e Cantabria, a comunidade con menor presenza na súa poboación do aseguramento privado (24%), malia que desde o anterior estudo (2018), aumentou de maneira notoria (+166%), pois daquela apenas abeiraba 10%.
Sanidade vai destinar a concertos co sector privado en 2026 a cifra récord de 261,7 millóns de euros. Unha cifra que supera en case 16 millóns a que se destinou no presente ano (2025) a esa mesma fin. O aumento entre o que se asigna nas contas de Sanidade para 2026 a respecto de 2025 é de 4,6%, un incremento superior non só á suba media dos Orzamentos da Xunta entre ambos os dous anos (2,1%, sen aplicar o incremento da inflación), senón que tamén é maior que o aumento das contas para a Consellaría de Sanidade entre 2025 e 2026, que é de 3,9%.
As contas para o vindeiro ano recollen que se pagarán en "asistencia sanitaria con medios alleos" 250,1 millóns de euros dentro do programa de Atención Hospitalaria e 11,6 millóns no programa de Atención Primaria. En total, 261,7,millóns de euros onde a maior parte vai para "concertos con entidades privadas", que levarán un total de 150,8 millóns de euros, cifra superior en máis de oito millóns á recibida en 2025 (146,2 millóns de euros).
Neses concertos "con medios alleos" que figuran nos orzamentos que entrarán en vigor o 1 de xaneiro teñen un peso importante aqueles destinados a prestar diferentes servizos, desde resonancias magnéticas e medicina nuclear (2,8 millóns de euros) até o programa especial de transporte, a través de servizos concertados de ambulancias, que supón pagar máis de 44 millóns de euros.
A área de Vigo, á cabeza
Vigo é a área sanitaria onde os Orzamentos da Xunta da Galiza para 2026 contemplan un maior transvase de fondos públicos para o sector privado: 120 millóns de euros, case a metade do total que na Galiza vai en sanidade para concertos con empresas privadas. A seguir figura a área sanitaria da Coruña e Cee, onde a drenaxe de diñeiro público para os concertos con empresas privadas supera os 39 millóns de euros para 2026; mentres que en terceiro lugar figura a de Santiago e O Barbanza, onde a cantidade que se recolle nas Contas da Xunta para o próximo ano é de 20,6 millóns.