A Xunta só executou 3% do orzamento de acceso á vivenda

Bloques de vivendas nunha rúa céntrica de Compostela. (Foto: Nós Diario)
3.600 inmóbeis públicos e 15.000 demandantes.

A deputada socialista Noelia Otero denunciou esta terza feira no Parlamento que a Xunta da Galiza só executa 3% do programa de acceso á vivenda e apenas prevé construír 3.600 vivendas públicas en catro anos para unha bolsa de máis de 15.000 demandantes.

A deputada do PSdeG propuxo elaboración dun plan galego de emancipación e acceso á vivenda dirixido aos máis de 250.000 galegos e galegas mozas "que non poden emanciparse pola falta de recursos e o custo da vivenda". A moción no pleno do Parlamento foi rexeitada polo PP.

Denunciou Otero que a Xunta "nin executa os fondos nin ten impulsado o parque público de vivenda", convertendo as políticas de vivenda pública da Galiza nun "deserto", por exemplo entre 2015 e 2018, cando apenas construíron catro vivendas protexidas, denunciou, e nun exercicio concreto chegaron a pór unha única vivenda en réxime de aluguer.

Otero criticou que mentres as familias e os mozos e mozas precisan de medias urxentes, "o Goberno galego responde pondo riba da mesa un obxectivo "pírrico" de impulsar apenas 3.600 vivendas nunha Lexislatura, fronte a unha bolsa de máis de 15.000 demandantes de vivenda de protección, fundamentalmente aluguer".

Porén,  proseguiu, o parque total de vivenda pública en réxime de aluguer da Galiza apenas conta con 4.000 vivendas, todas elas ocupadas. Sinalou tamén que o orzamento para construción de vivenda de promoción pública "continúa en niveis moi baixos", con apenas 8 millóns de euros orzamentados para 2023, moi lonxe dos 52 millóns de euros do último orzamento do bipartito, en 2009.