Sanidade reorganiza a atención sanitaria para esta segunda feira nos centros de saúde da provincia de Ourense polos incendios

Imaxe de arquivo un centro de saúde. (Foto. Xunta da Galiza)

Os centros de saúde afectados quedarán abertos con servizo de enfermaría dispoñíbel.

A Xunta da Galiza, a través da Consellaría de Sanidade, informou da reorganización da atención sanitaria para esta segunda feira, 18 de agosto, nos centros de saúde da provincia de Ourense afectados polos incendios para garantir a atención á poboación.

O Executivo galego sinalou, nun comunicado, que debido á incidencia nas telecomunicacións en varios centros de saúde a atención médica centralizarase nos centros de cabeceira.

A atención médica dos centros de saúde de Carballeda de Valdeorras, Vilamartín de Valdeorras, Rubiá e O Bolo quedará centralizada no centro de saúde do Barco de Valdeorras.

No caso dos centros Petín e de Larouco a atención médica quedará centralizada no centro de saúde da Rúa. Pola súa banda, o centro de saúde de Viana do Bolo centralizará a atención médica dos de Vilariño de Conso e da Veiga.

En canto á asistencia médica dos centros de San Xoán de Río e de Manzaneda centralizarase no centro de saúde da Pobra de Trives.

No centro de saúde de Verín quedará centralizada a atención dos centros de Oímbra e de Cualedro e do consultorio de Alvarellos. Finalmente, a atención médica no centro de saúde de Chandrexa de Queixa quedará centralizada no Montederramo.

Con todo, os centros de saúde afectados quedarán abertos con servizo de enfermaría dispoñíbel.

Para garantir as comunicacións nos principais centros sanitarios nas áreas afectadas polos incendios da provincia de Ourense instaláronse esta fin de semana antenas para conexión vía satélite (STARLINK), priorizándose aqueles que son cabeceira de comarca, puntos de atención continuada e atendendo ás distancias ao centro de referencia e á poboación.